Baltar convoca outra praza de porteiro na Deputación de Ourense, tutelada por excederse nos gastos

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

En 2016 a Deputación de Ourense, que preside José Manuel Baltar, excedeuse nos gastos que tiña permitidos e agora a Consellería de Facenda esixiulle un plan de axuste para os dous próximos que tutelará, nunha fase previa a unha intervención das súas contas como a que o Goberno decretou sobre as do Concello de Madrid. Porén, iso non impide que o ente provincial poida seguir realizando convocatorias de provisión de postos de traballo, como a que vén de facer dunha praza de porteiro e outra de ordenanza. Convócaas un ano despois de ofertar outras catro prazas de porteiro e tras anos de críticas da oposición, que considera que a Deputación paga cos seus contratos favores políticos a persoas próximas ao PP, como certificou a Xustiza cando condenou a Baltar pai por prevaricación por contratar 104 persoas.

Hai un ano a Deputación xa ofertara catro postos similaes entre os 128 que convocou a poucos días das autonómicas

A Deputación de Ourense vén de convocar cinco postos de traballo (un porteiro, un ordenanza, un operario de almacén e dous sereos) xusto un ano despois de realizar outra convocatoria de 128 empregos a poucos días das eleccións autonómicas entre os que xa se atopaban catro prazas de porteiro.

A proliferación de contratos de porteiro na Deputación de Ourense xa foi noticia cando en 2009 o PSOE denunciou que a institución provincial realizara nos dous anos anteriores 22 contratos eventuais con esa categoría para un edificio cultural con só dúas portas e que xa contaba con 11 porteiros no seu cadro de persoal. Tempo despois elevouse a 82 a cifra de porteiros e conserxes que a Deputación tiña para atender tan só seis edificios.

A Consellería de Facenda esixiu un plan de axuste á Deputación e Ourense, que é a que máis gasta nos seus órganos de goberno e a que ten un maior custo de persoal por habitante

Agora a convocatoria das novas prazas prodúcese en plena polémica pola superación o pasado ano pola Deputación da denominada regra de gasto, o límite imposto pola lei de estabilidade financeira e determinado polo Goberno central aos gastos de todas as entidades públicas. Ese incumprimento fixo que a Consellería de Facenda esixise ao ente provincial un plan de axuste para este ano e o próximo.

O incumprimento económico da Deputación prodúcese ao tempo que a de Ourense é a que máis gasta nos seus órganos de goberno das catro galegas. Do mesmo xeito, a Deputación de Ourense é a que ten un maior custo de persoal por habitante.

Gastos de persoal por habitante nas catro deputacións galegas Dominio Público Orzamentos da Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.