Mareas locais poñen en Ourense as bases para unha 'rede municipalista galega'

Unha das mesas de traballo da xornada © Ourense en Común

Máis dun cento de persoas chegadas de toda Galicia participaron ao longo do sábado na xornada Hai Mareas, organizada por Ourense en Común. Representantes municipais, integrantes de mareas locais e activistas interviron en mesas de traballo e palestras, compartindo ferramentas, metodoloxías e experiencias co obxectivo de “mirar cara ao 2019 desde a boa praxe na xestión municipal, tomando os exemplos de Coruña ou Compostela, que están poñendo os concellos ao servizo da cidadanía”. Así mesmo, fíxose un chamamento a  “abrir máis aínda as institucións á participación cidadá”, vencellando "a vida institucional coa extitucional", e fortalecendo un “espazo común e fraterno onde as mareas camiñemos xuntas”. O encontro, no que interviron os alcaldes da Coruña ou Compostela e concelleiros de Vigo ou Ourense e deputadas de EnMarea, serviu para conformar "o xermolo para unha rede municipalista galega".

Noriega destacou a importancia de "reivindicar nestes momentos a capacidade do municipalismo e do local para poder mudar o estado das cousas"

Neste senso, o concelleiro de Ourense en Común Martiño Xosé Vázquez e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, abriron o encontro manifestando a “necesidade de compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo” para “aprender e reivindicar xuntas a capacidade do municipalismo na transformación da autonomía social e local”. Vázquez salientou que "hoxe Ourense convértese na capital galega do municipalismo. Queremos demostrar que outra forma de facer política é posible e que no ano 2019 Ourense poderá aprobar os seus orzamentos en tempo e forma, poderá ter unha renda social básica, poderá ter un PXOM e moitas máis cousas que os que se denominan 'bos xestores' non están sendo quen de facer hoxe".

Mentres, Noriega destacou a importancia de "reivindicar nestes momentos a capacidade do municipalismo e do local para poder mudar o estado das cousas nun momento no que os propios poderes fácticos do Estado entenden que se quedan espazos de transformación é no local, e de aí a intervención en Madrid, dinamitando a autonomía municipal e dinamitando as boas praxes das candidaturas cidadanistas e de unidade popular".

“É preciso máis e mellor municipalismo, porque merecemos limpar as institucións de ladróns, corruptos, acosadores, e podemos facelo”, salientaron

No peche da xornada, o alcalde coruñés Xulio Ferreiro, e a concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro, concluíron que “é preciso máis e mellor municipalismo, porque merecemos limpar as institucións de ladróns, corruptos, acosadores, e podemos facelo” e criticaron "o nefasto goberno de Jesús Vázquez na alcaldía de Ourense, unha cidade paralizada". 

Unha das mesas de traballo da xornada © Ourense en Común
Unha das mesas de traballo da xornada © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.