0 Gardados para despois

A Xunta louva os “valores espirituais” das Illas Atlánticas no borrador do seu plan de protección

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

Desde que en 2002 se creou o Parque Nacional das Illas Atlánticas está pendente a aprobación do seu Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX). En 2011 a Xunta chegou a dispor dunha versión completa do mesmo cun documento de 80 páxinas que entre outras cuestións restrinxía o número de visitantes ou a pesca. Aquel documento quedou aparcado e só tras a polémica desatada este pasado verán pola masificación das illas Cíes o Goberno galego decidiu retomalo. Faino coa exposición ao público, a partir deste martes, dun informe de tan só 12 páxinas que se limita a unha descrición das características do parque e das figuras legais que o protexen sen avanzar ningunha nova medida de xestión.

O Goberno galego retoma cun informe de 12 páxinas un documento que ocupaba 80 cando o parou en 2011

Por outra banda, o documento agora exposto ao público durante 20 días hábiles está salpicado de expresións valorativas sobre as características do parque. Entre outras, di que “a área terrestre posúe un elevado interese xeomorfolóxico, que confire ao sitio unha elevada espectacularidade paisaxística, fomentando os valores espirituais e de contemplación”.

Malia que o informe é presentado pola Xunta como pertencente ao proceso para a definición do plan reitor, algunhas das expresións contidas nel son idénticas á terminoloxía empregada pola Unesco para a definición dos bens patrimonio da humanidade, o proceso paralelo de recoñecemento que o Goberno galego quere impulsar para o parque no seu conxunto ao tempo que o Concello de Vigo fai o propio só coas illas Cíes. Nesa liña, o informe agora exposto ao público di que “o medio submarino deste territorio proposto, que é o medio máis extenso do mesmo, constitúe un fenómeno natural superlativo de excepcional beleza”. Unha expresión similar á empregada pola Unesco (“conter fenómenos naturais superlativos ou áreas de excepcional beleza natural e importancia estética”) para definir o criterio número 7 dos 10 que pode reunir un ben que aspire a integrarse na lista de patrimonio da humanidade.

O documento parece enfocar a candidatura a Patrimonio da Humanidade no criterio 7 dos 10 contemplados pola Unesco: "Fenómenos naturais superlativos ou áreas de excepcional beleza natural e importancia estética” vinculados aos espazos submarinos do parque

Ao emprego desa expresión para referirse aos fondos submarinos das Illas Atlánticas engádense varias frases relativas a que “é no medio mariño onde reside a súa maior riqueza” e a “tendencia encamiñada a promover o coñecemento do medio mariño, para que o mar sexa cada vez menos "ese gran descoñecido", o que podería indicar que a Xunta está a decantarse polos elementos submarinos como os centrais e máis diferenciadores da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade fronte a outros competidores do resto do mundo.

Comparación entre o documento agora sometido a exposición (arriba) e as restricións ao público contempladas no de 2011 (abaixo)

O actual documento é unha simple enumeración de cuestións a analizar e detallar posteriormente e nada di do número de visitantes permitidos, ao contrario do plan presentado en 2011

Canto ao control do número de visitantes ás illas, elemento que provocou o actual aceleramento por parte da Xunta duns procesos que tiña aparcados (a elaboración do plan reitor e a candidatura á Unesco), o documento agora exposto ao público nada di. Fronte ao plan divulgado en 2011, no que pretendía restrinxir o número de visitantes a respecto das cifras actualmente permitidas, o actual limítase a constatar que “o Parque Nacional das Illas Atlánticas é un dos lugares máis visitados de Galicia”. “Neste contexto, o obxectivo é facilitar un goce baseado nos valores do parque, de xeito compatible coa súa conservación, que sempre se considera prioritaria”, di, e engade que “malia pretender achegar a natureza aos cidadáns, a visita debe ser regulada para asegurar a conservación deste fráxil lugar, razón pola cal existen cotas de visitantes e campistas e as actividades como a ancoraxe de embarcacións e o submarinismo regúlanse mediante permisos”.

O actual documento é unha simple enumeración de cuestións a analizar e detallar posteriormente que se somete a exposición pública para recoller as propostas ao respecto que queira facer a cidadanía. Nesa liña, nin sequera especifica cal é a situación actual máis que dun xeito xenérico, como cando fala do “programa anual de subvencións na área de influencia socioeconómica, que ata o de agora financiou distintos proxectos”, sen detallalos. Todo iso quedará para unha posterior versión do documento, como a divulgada hai xa seis anos e logo aparcada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.