0 Gardados para despois

Medio Rural obvia as críticas de Contas aos contratos de helicópteros polos que está imputado o seu director forestal

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Actuouse de maneira correcta”, di a conselleira, ante a petición do PSdeG dunha auditoría das adxudicacións, que cualificou de “claramente chafalleiras”

“Estou convencida de que se actuou de maneira correcta”, dixo este mércores a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, sobre as adxudicacións dos helicópteros contra incendios do seu departamento nos anos 2011 a 2013 polas que está imputado o director xeral de Política Forestal, Tomás Fernández-Couto. A conselleira, á que o PSdeG lembrou no Parlamento que o Consello de Contas xa detectar diversas irregularidades neses contratos, obviou ese feito e remitiuse ao que poida decidir a xustiza ao respecto.

Vázquez amosouse sorprendida polas críticas da oposición cara Fernández-Couto despois de que Praza.gal revelase hai dúas semanas a súa imputación. “Non comprendo moi ben todo o que se quixo montar arredor de todo isto porque desde 2013 está no xulgado”, dixo, para engadir a continuación que a Xunta “non ocultou absolutamente nada”. Porén, malia esa “transparencia” da que se gabou, non dixo por que a Xunta non informara desa investigación xudicial nestes catro anos.

A conselleira xustificou os contratos a dedo pola situación "extraordinaria" que ao seu ver se deu en 2011 e 2012. Segundo esa tese, as situacións extraordinarias en materia de incendios foron o ordinario en catro dos últimos sete anos.

A conselleira amparouse en supostas situacións “extraordinarias” con “grave actividade incendiaria” nos anos 2011 e 2012 para xustificar as adxudicacións sen concurso realizadas eses anos, ao principio das dúas campañas, coa empresa Inaer incumprindo segundo o Consello de Contas as leis de contratos. Segundo esa tese, as situacións extraordinarias en materia de incendios foron o ordinario en catro dos últimos sete anos (a principios de ano en 2011 e 2012, en agosto de 2016 cando a Xunta tamén ofreceu axudas polos datos e na vaga do pasado 15 de outubro).  “Que ese mecanismo extraordinario fose correcto é o que está a dilucidar o xulgado”, admitiu a conselleira.

O deputado socialista José Antonio Quiroga botoulle en cara que as críticas sobre aquelas contratacións non as formulan os partidos da oposición senón “o Consello de Contas”, e cualificounas de “claramente chafalleiras”. O socialista reclamou unha auditoría externa para avaliar aqueles contratos. Porén, a conselleira obviou as críticas de Contas e escudouse en que naquelas contratacións participaron “técnicos, letrados e interventores”.

Vázquez lamentouse de que “non hai o mesmo número de empresas para alugar coches que avións ou helicópteros”

Sobre o feito de que a inmensa maioría das adxudicacións da Xunta nese eido vaian parar a Inaer, agora integrada en Babcock, Vázquez lamentouse de que “non hai o mesmo número de empresas para alugar coches que avións ou helicópteros”, sen indicar se o Goberno galego puido facer algo no pasado para favorecer esa posición dominante no mercado a través das condicións que foi establecendo nas súas licitacións nas últimas décadas. A propia empresa admitiu que se beneficiou desa falta de competencia para cobrar á Xunta o máximo posible.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.