0 Gardados para despois

A oposición pide postura de país en defensa das infraestruturas galegas e Feijóo culpa a Zapatero

Redacción | @prazapublica

Foi o Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, con José Blanco á fronte do Ministerio de Fomento, o responsable de que Galicia non forme parte do corredor atlántico ferroviario que pode recibir financiamento da UE e de que Audasa vaia subir as súas peaxes unha vez que remate a ampliación da ponte de Rande. Esa foi a resposta que ofreceu este martes o presidente Feijóo ás preguntas que por esas cuestións coincidiron en formularlle no Parlamento de Galicia os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG. Os tres pediron unha postura de país en defensa dos intereses de Galicia, pero a resposta de Feijóo foi reclamar adhesión ás súas xestións.

O presidente atribúe á herdanza recibida a ausencia de Galicia do corredor atlántico ferroviario da UE e o incremento das peaxes na AP-9

O presidente salientou as sucesivas declaracións institucionais realizadas desde as comunidades autónomas do noroeste peninsular como exemplo da preocupación da Xunta en materia de infraestruturas de transporte, e contraatacou acusando aos gobernos locais de esquerda, e en particular aos das mareas municipalistas, de non rebaixar o prezo dos billetes de transporte urbano.

Antes, o portavoz de En Marea, Luís Villares, criticáralle a Feijóo ser “incapaz de facer valer a súa maioría absoluta diante do seu propio partido” e presentou a súa propia viaxe a pasada semana a Bruxelas para reclamar o corredor atlántico como “facer o traballo que vostede non fai”.

Feijóo contraatacou acusando aos gobernos locais de esquerda, e en particular aos das mareas municipalistas, de non rebaixar o prezo dos billetes de transporte urbano

O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou o que considera pouco investimento de Fomento en Galicia e desleixo da Xunta á hora de defender os intereses de Galicia ante o Goberno central e a UE. “Estoulle tendendo a man, e incluso cando lle tendo a man vostede tenta desfigurar a miña posición”, lamentou o socialista. 

Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, fixo fincapé na suba de peaxes da AP-9 e asegurou que a falta de peso de Feijóo en Madrid compróbase tamén en materias como o financiamento autonómico. Pontón tamén censurou os recortes que o PP introduciu na iniciativa lexislativa popular impulsada no seu momento pola CIG contra a pobreza enerxética e que este luns os populares aprobaron en solitario xa como lei pero máis centrada na eficiencia que na protección dos máis necesitados. “Seguro que en Monte Pío non hai problemas para pagar as facturas”, díxolle a nacionalista a Feijóo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.