0 Gardados para despois

CCOO pide a renuncia dun deputado do PP por faltarlles ás traballadoras de Calvo

Redacción | @prazapublica

Comisións Obreiras (CCOO) pide a renuncia do deputado Carlos López Crespo, do grupo parlamentario do PP, por "inxuriar o sindicato" e "faltarlles ao respecto ás traballadoras do grupo Calvo" en Esteiro (Muros). O secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, rexistrou este martes no Parlamento un escrito no que pide unha xuntanza co presidente da Cámara autonómica e esixe as desculpas de López Crespo.

CCOO rexistrou un escrito no Parlamento e pide a renuncia de López Crespo por "inxuriar o sindicato" e "faltarlles ao respecto ás traballadoras"

Na súa intervención na Cámara autonómica do pasado luns, o parlamentario acusou a CCOO de mentir en relación co peche da planta que a conserveira posúe en Esteiro e o traslado do persoal a Carballo, segundo indica o sindicato nun comunicado. O deputado tamén lles "faltou ao respecto ás traballadoras", engaden, ao tentar "minimizar un traslado forzoso de máis de cincuenta quilómetros" aducindo que as traballadoras "seguen indo comprar ao mesmo supermercado ou mesmo van á mesma igrexa á misa ou aos enterros".

"Seguen indo comprar ao mesmo supermercado ou mesmo van á mesma igrexa á misa ou aos enterros", advertiu o deputado

A polémica chegou no debate dunha iniciativa na que o deputado Manuel Lago, de En Marea, falaba sobre a situación das traballadoras da planta que quedan na rúa ao pechar a planta. López Crespo recoñeceu "un problema" pero diferenciou dúas formas de afrontar a situación: a das afiliadas a Comisións e a dos membros do comité de empresa. "Está o comité formado por traballadoras humanas; si, si, que hai traballadoras autómaas queu funcionan ás veces nos sindicatos", dixo. 

"Está o comité formado por traballadoras humanas; si, si, que hai traballadoras autómaas queu funcionan ás veces nos sindicatos"

O deputado do PP acusou a CCOO de "continuar coa mesma metodoloxía que todos coñecemos ao longo da historia social: mentiras, mentiras, mentiras". Ademais, culpou o sindicato por empregar a mesma "estratexia seguida antes por Goebbels", en referencia ao ministro de Propaganda do réxime nazi. 

Para CCOO, é "indigno" que "un representante do pobo se amose máis preocupado por defender un grupo empresarial que o ano pasado facturou máis de 60 millóns de euros que a unha localidade xa moi castigada como é Esteiro". Tamén considera "vergoñento" que para defender as súas teses intente "inxuriar unha das principais organizacións sociais do país" e, peor aínda, "que o faga faltándolles ao respecto ás persoas afectadas por unha decisión empresarial".

Por todo isto, "e aínda que só sexa por dignidade", desde CCOO cren que López Crespo debe presentar a renuncia ao seu escano. Do mesmo xeito, o sindicato pediralles a todos os grupos parlamentarios que promovan a recusación do deputado popular.

 

O día 14 remata o período de consultas

O pasado venres, día 1 de decembro, comezou o período de consultas entre a empresa e a parte social respecto do futuro da planta de Esteiro. Hai convocadas dúas novas xuntanzas, a derradeira delas o vindeiro 14 de decembro. Nese momento rematará o período de consultas e a empresa comunicará a súa decisión final.

CCOO defende que calquera acordo que se produza durante este período de consultas sexa sometido á votación de todo o persoal en asemblea, observación que a empresa rexeitou polo momento.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.