Dez anos da fin do caso Kane: cando a Xustiza avalou indultar os policías vigueses que agrediron un senegalés

Praia de Samil na que Mamadou Kane traballaba como vendedor ambulante cando foi detido Dominio Público Google Street View

O 12 de decembro de 2007, hai agora dez anos, o Tribunal Supremo ratificaba o indulto a catro policías municipais de Vigo que unha década antes, en marzo de 1997, detiveran de xeito ilegal na praia de Samil un vendedor ambulante senegalés e o levaran nun coche patrulla ata un monte no que o agrediron. Os axentes foron condenados por eses delitos, pero os tribunais non consideraron probado que houbese ademais racismo, segundo ratificou o Supremo en 2001. En 2005 o Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero indultaba os axentes sen explicar por que e, dous anos máis tarde, o Supremo avalaba o indulto lembrando que ese dereito de gracia non ten por que estar motivado.

O 12 de decembro de 2007 o Supremo admitía que o Goberno de Zapatero non tivese que motivar o seu perdón aos catro axentes municipais que unha década antes detiveran de xeito ilegal e agrediran un vendedor ambulante

Segundo os feitos probados recollidos na súa sentenza pola Audiencia Provincial de Pontevedra, que posteriormente ratificaría o Tribunal Supremo, Mamadou Kane, de 29 anos, traballaba como vendedor ambulante na praia de Samil o domingo 17 de marzo de 1997 cando, sobre as 17,30 horas, dous policías municipais que patrullaban a pé requiriron a súa documentación. O senegalés, de alta como autónomo desde medio ano antes, amosoulles o seu permiso de traballo e residencia, pero os axentes decidiron levalo á comisaría da Policía Nacional para comprobar a autenticidade dos documentos, polo que chamaron un vehículo da Policía Local no que subiron Kane e catro axentes municipais.

Ao pouco de iniciar a viaxe, da que deron conta varias testemuñas, “desviáronse” en “traxectoria completamente oposta á comisaría” ata unha “zona de monte, afastada e illada, de Marcosende e Beade, proximidades do CUVI [campus universitario], onde detiveron o coche e saíron do mesmo varios funcionarios desatendendo os rogos do conducido para que fose levado realmente a comisaría”, á que non chegaría ata as 19,15 horas. A sentencia di que “consta acreditado que no traxecto de desvío durante máis de unha hora, os policías que rodeaban dentro do coche a Mamadou Kane [...] propinaron golpes e cobadazos ao anterior que lle produciron contusión cranial e costal dereito, propiciando unha primeira asistencia médica e curando sen secuelas nun día, durante o que permaneceu incapacitado”.

Feitos probados ratificados polo Supremo na condena dos policías vigueses por detención ilegal de Mamadou Kane

Porén, ningunha das sentencias nesas sucesivas instancias considerou que neses feitos houbese racismo. “Non resulta suficientemente probado que, no curso do narrado actuar policial, os acusados dirixiran ao denunciante insultos ou frases ofensivas alusivas á súa raza ou procedencia nacional”, di a sentenza da Audiencia Provincial ratificada polo Supremo, a quen recorrera a vítima argumentando ese racismo.

“Non resulta suficientemente probado que, no curso do narrado actuar policial, os acusados dirixiran ao denunciante insultos ou frases ofensivas alusivas á súa raza ou procedencia nacional”

A sentenza, ratificada polo Supremo, condenou os catro axentes por detención ilegal e a dous deles ademais por lesións. Juan Manuel Pérez recibiu 4 anos de cárcere e 10 de inhabilitación pola detención ilegal e 4 fins de semana de arresto polas lesións. Celso Alonso recibiu 3 anos de cárcere e 8 de inhabilitación pola detención ilegal e 4 fins de semana de arresto polas lesións. E Elena Fernández e Sebastián Fernández recibiron 3 anos de cárcere e 8 de inhabilitación cada un pola detención ilegal.

A sentencia coa que o Supremo ratificou as condenas foi emitida o 12 de xullo de 2001 e catro meses despois o daquela alcalde, o nacionalista Lois Pérez Castrillo, expulsou os axentes. Previamente o goberno local cando sucederan os feitos, do popular Manuel Pérez, avalara a presunción de inocencia dos axentes. E posteriormente o seguinte alcalde, o socialista Ventura Pérez Mariño, que fora xuíz, impulsou a petición de indultos que se formulou e que o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, con Juan Fernando López Aguilar como ministro de Xustiza, outorgou aos catro policías o 25 de novembro de 2005. Dous meses máis tarde, o 30 de xaneiro de 2006, o daquela goberno local da popular Corina Porro aceptaba a petición de reincorporación dos catro axentes, tras catro anos e medio fóra da Policía Local, a metade do período de inhabilitación ao que foran condenados.

Argumentación do Supremo para avalar o indulto sen motivar outorgado polo Goberno aos catro policías do caso Kane

Hoxe Mamadou Kane é español e segue a vivir en Vigo coa súa familia

A defensa de Mamadou Kane, os avogados Juan Cascallana e Guillermo Presa, recorreu ante a xustiza eses indultos, pero hai agora dez anos, o 12 de decembro de 2007, o Tribunal Supremo ratificábaos. Segundo a argumentación do tribunal, a medida de gracia é iso, unha medida de gracia que é de competencia exclusiva de cada Goberno. A Xustiza só pode avaliar se foi tramitada cos procedementos administrativos adecuados, pero sen poder entrar no fondo. O Supremo tamén avalaba que os indultos fosen outorgados sen que o Goberno tivese que motivar a súa decisión. A motivación, dixo o Supremo, non é esixible “nas decisións que sobre o exercicio do dereito de gracia se adopten polo Goberno”. Así remataba hai agora dez anos o percorrido xudicial dunha causa que, malia non ser para a Xustiza un caso de racismo, si o foi para organizacións como Amnistía Internacional e abriu ese debate na sociedade viguesa salpicando a varios gobernos locais. Hoxe Mamadou Kane é español e segue a vivir en Vigo coa súa familia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.