Lídia Senra defende que a súa pregunta á UE sobre vacinas só procura a "seguridade" e "control público"

Lídia Senra, durante unha intervención no pleno da Eurocámara en Estrasburgo Dominio Público AGEe

Lídia Senra sae ao paso das críticas recibidas pola súa controvertida pregunta parlamentaria á Comisión Europea na que cuestionaba a "seguridade" das vacinas e mais a súa obrigatoriedade nos Estados membros da Unión. A europarlamentaria elixida baixo as siglas de AGEe nas eleccións de 2014 emitiu a últimas horas deste martes un comunicado dende Estrasburgo no que resalta que a pregunta rexistrada -resalta- en agosto "non vai de 'vacinas si/vacinas non", senón que procura "que se garanta a transparencia, a información" e, en definitiva, o control público e a "seguridade" da vacinación.

A súa aposta, di Senra, é que "os poderes públicos garantan a seguridade fronte ao poder dos laboratoiros" e a "non obrigatoriedade no contexto europeo", o cal "non é diferente ao que xa existe no Estado español. "Respecto moito as diversas opinións e críticas que xurdiron con motivo desta pregunta", resalta a eurodeputada, e nun contexto no que "agradezo profundamente as mostras de solidariedade", afirma que "ambas cousas" supoñen "un valioso estímulo" para "seguir preguntando á Comisión". "Non se pode ter medo a facer preguntas".

Senra asegura que a pregunta "non vai de vacinas si/vacinas non", senón que procura "transparencia, información" e "seguridade"

Despois de que formacións como Anova, Esquerda Unida ou En Marea desautorizasen a devandita pregunta Senra resalta que a súa intención é "seguir traballando" para que "as decisións políticas que afectan á saúde e á seguridade de todos os medicamentos non estean condicionadas polos intereses" da industria farmacéutica. "Seguirei traballando para demandar investigación pública" e que as decisións neste eido estean "garantidas" polas Administracións. "É algo que levo facendo neste Parlamento dende o primeiro momento", salienta, tamén "cando en outubro de 2014", cando a nova Comisión tomou posesión, pediu "que a Axencia Europea do Medicamento permanecese na Dirección Xeral de Saúde e Consumo" e "non na de Industria, como pretendían".

"Seguirei traballando na defensa da sanidade pública dende a miña responsabilidade como deputada"

Dende o punto de vista de Lídia Senra "cando o PP lanzou hai uns días este ataque contra min" baseado "nunha pregunta rexistrada en agosto" é posible que "pensase que podería servir para tapar o debate, o malestar social, sobre o deterioro da sanidade" e a respecto das "mobilizacións que está habendo na Galiza na defensa da sanidade pública". "Queremos -conclúe- investigación pública e control público na sanidade", e isto atinxe "ás vacinas, aos medicamentos, aos tratamentos" ou "á investigación", porque "a saúde é un dereito".

"Estas -asegura- foron as miñas razóns para preguntarlle á Comisión Europea pola información e control público sobre as vacinas". E por ese motivo "dende a miña responsabilidade como deputada, seguirei traballando na defensa da sanidade pública fronte ás políticas neoliberais".

Lídia Senra, durante unha intervención no pleno da Eurocámara en Estrasburgo Dominio Público AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.