O Sergas cede parte do hospital Meixoeiro para que Tele 5 rode unha serie en pleno colapso de urxencias en Vigo

Hospital do Meixoeiro, en Vigo Dominio Público Google Street View

Desde a pasada fin de semana os servizos de urxencias sanitarias de Vigo están colapsados, co Sergas tendo que converter habitacións individuais en dobres para evitar que se sigan a acumular pacientes pendentes de ingreso. Esa situación non impide que, segundo vén de denunciar CCOO, o Sergas cedese a Tele 5 a terceira planta do Hospital do Meixoeiro, antes dedicada a hospitalización e actualmente sen uso, para rodar nela estes días unha serie.

A planta de hospitalización que se está a empregar quedou sen uso cando hai dous anos abriu o novo hospital da cidade, entre críticas do persoal polo que consideraron un desmantelamento dos servizos existentes

Tras a apertura hai dous anos do novo hospital Álvaro Cunqueiro, o resto de hospitais que xa había en Vigo viron reducidos o seu persoal e servizos. En particular, o Meixoeiro viu como varios dos seus servizos eran trasladados ao novo hospital e parte das súas instalacións quedaban sen uso. Ante as protestas dos profesionais, que veñen reclamando que se manteñan os servizos do Meixoeiro a maiores dos que se crearon no novo hospital, o Sergas chegou a enviar ao persoal un argumentario baixo o título "O hospital do Meixoeiro ten presente. O hospital do Meixoeiro ten futuro" no que tentou argumentar que o hospital non ía ser pechado senón que se ía “reforzar”.

Argumentario do Sergas ao seu persoal no que asegurou que ía "reforzar" o Meixoeiro

A realidade denunciada agora por Comisiones Obreras é que a terceira planta do Meixoeiro está sendo empregada para rodar unha serie de Tele 5 que ten a José Coronado como o seu protagonista. A serie, Vivir sin permiso, creada a partir dunha idea de Manuel Rivas, é, segundo anunciou no seu momento a canle de televisión,  “unha historia do postnarcotráfico galego, a loita polo poder nunha saga familiar e a decadencia do seu patriarca, vítima do Alzheimer”.

O Sergas salienta que na tarde deste mércores hai no Meixoeiro 77 camas libres e que a rodaxe faise nunha planta sen uso, pero non entra na crítica de fondo que fan os profesionais á reorganización que concentrou a actividade no novo hospital estes días colapsado mentres o vello está infrautilizado

Desde o Sergas a resposta que se dá a esta situación é que se autorizan rodaxes de xeito habitual en diversas instalacións sanitarias e que esta non supón un obstáculo para a actividade sanitaria do Meixoeiro porque “hai dous anos que esa planta non está operativa porque non a necesitamos”. Segundo indica o Goberno galego, no propio Meixoeiro había na tarde deste mércores 77 camas libres, e o permiso para a rodaxe está condicionado a que non exista ningunha emerxencia que obrigue ao Sergas a volver a empregar esa planta.

A resposta do Sergas non entra na crítica de fondo que veñen facendo os profesionais sanitarios da reorganización realizada nos hospitais vigueses que fai que o groso da actividade de urxencias se concentre no novo hospital -que é onde estes días houbo que habilitar máis camas inicialmente non previstas, o que provocou demoras nas hospitalizacións- e que reduciu o tipo de asistencia que se presta no Meixoeiro ata o punto de pechar plantas ou telas infrautilizadas.

Coronado, no centro, durante a presentación da serie 'Vivir sin permiso', ideada por Manuel Rivas, á esquerda Dominio Público Tele 5

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.