0 Gardados para despois

Angrois reabre o debate en Fomento sobre “represalias” contra quen denuncia fallos de seguridade

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

O pasado 7 de novembro o director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, imputado polo accidente do Alvia, declarou no xulgado de Santiago que ninguén lle comunicou o risco que existía na curva de Angrois, malia que un ano e medio antes do sinistro un maquinista xefe advertira do mesmo aos seus superiores. Lanchares dixo que esa advertencia non se xestionou polas vías regulamentarias. Este venres, pouco máis de un mes despois desa declaración, a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) do Ministerio de Fomento emitiu unha recomendación sobre como tratar os avisos que formulen os traballadores do sector sobre posibles riscos para a seguridade. Entre outras cousas pide que o persoal que formule esas advertencias non sufra “represalias” por parte da súa empresa.

A Axencia de Seguridade Ferroviaria emite unha recomendación sobre como tratar advertencias de riscos un mes despois de que o director de Renfe imputado declarase que a alerta que houbo sobre a curva non se tramitou pola vía regulamentaria

Un ano e medio antes do accidente na curva de Angrois un maquinista xefe de Ourense, José Ramón Iglesias Mazaira, advertira por escrito [ver imaxe adxunta] aos seus superiores do risco que existía nese punto concreto de que se producise un descarrilamento como o que acabou ocorrendo. “De non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa”, dicía expresamente sobre a ausencia de medidas de control automático da velocidade no treito previo a Angrois, o que deixaba en mans dos maquinistas a responsabilidade de frear antes da curva. Malia esa advertencia, a situación seguiu igual e un ano e medio despois o Alvia descarrilaba provocando 80 mortes despois de que o seu maquinista se despistase e non frease a tempo sen que existise ningún sistema automático que evitase ou paliase o seu erro humano.

 

Advertencia a Renfe do risco dun accidente en Angrois como o que acabou sucedendo realizada por un maquinista xefe [Praza Pública, CC BY-SA]

Cando se coñeceu a existencia dese escrito de advertencia previo, medio ano despois do sinistro e despois de que a dirección de Renfe o ocultase ao xulgado durante un mes e medio, a empresa pública criticou que o maquinista que a formulou non a tramitara pola vía adecuada. Porén, o sindicato de maquinistas salientou que esa advertencia fora realizada por escrito e que os superiores de quen a formulou a chegaran a analizar nunha reunión do comité de seguridade de Renfe, na que supostamente decidiron que a situación non incumpría ningunha normativa, polo que Renfe non avisou a Adif para que esta mellorase a seguridade da súa liña. Outros cargos de Renfe aos que chegara o texto de advertencia nin o leron.

O director de Renfe fixo responsables aos seus subordinados de que a "anomalía" de Angrois quedase sen resolver

Hai un mes o director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, na súa declaración no xulgado como imputado, sacou por iniciativa propia esa cuestión sen que fose preguntado por ela. Lanchares insistiu en que aquela advertencia previa de Mazaira non se xestionou polas vías regulamentarias e que el nunca foi coñecedor dela, co que fixo responsables aos superiores inmediatos de Mazaira e á súa vez subordinados seus de que esa “anomalía” detectada, como a denominou, quedase sen resolver.

Agora, un mes despois desa declaración, e malia que supostamente Renfe xa “reforzara” os seus procedementos internos para avaliar ese tipo de advertencias de seguridade, como lle pediu hai máis de tres anos a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a raíz do sinistro de Angrois, a Axencia de Seguridade Ferroviaria emite esta nova recomendación dirixida ao que denomina “comunicacións ascendentes sobre as situacións que os propios empregados das entidades, no desempeño dos seus cometidos, poden detectar”. A recomendación da AESF di que “unha vez que esas comunicacións ascendentes se produzan, as entidades deben dispor de procedementos que permitan asegurar que chegan aos órganos competentes para a súa valoración, que se xestionan, que, no seu caso, activan as medidas correspondentes e que se proporciona información ao comunicante sobre o resultado”.

A recomendación pide que as alertas eviten “valoracións subxectivas” ou “cuestións que non responden a estes obxectivos de mellora da seguridade”

A axencia pide tamén ás empresas que esas advertencias de riscos que poidan realizar os seus traballadores se xestionen no que denomina “entorno de cultura xusta” de xeito que “se protexa adecuadamente, cando sexa pertinente, a confidencialidade da identidade dos notificantes”. “En principio, debería asegurarse que o persoal que notifique sucesos non sufrirá represalias por parte do seu empregador”, di a recomendación.

A AESF pide que cada empresa identifique, entre outras cuestións, persoas e canles a través das que realizar as alertas de posibles riscos e estableza un proceso de avaliación dos mesmos. A recomendación tamén pide que esas posibles alertas de seguridade eviten “valoracións subxectivas” ou “cuestións que non responden a estes obxectivos de mellora da seguridade”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.