A Audiencia rexeita a petición do fiscal e Baltar de xulgar a muller que o acusou de ofrecerlle emprego por sexo

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

A Audiencia Provincial de Ourense vén de ratificar o sobresemento provisional da causa pola que o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, estivo imputado polo presunto ofrecemento dun posto de traballo a cambio de sexo a unha muller que o denunciou e que tamén foi imputada. O tribunal tamén rexeita a petición do fiscal, á que se sumou Baltar, de xulgar á muller por coaccións.

O tribunal ratifica o sobresemento da causa ditado en maio pola instrutora e desbota tanto continuar a investigación contra o presidente da Deputación de Ourense como contra a muller que o acusou

O pasado maio a xuíza instrutora propuxo o arquivo do caso por considerar á luz das testemuñas que "non queda suficientemente xustificada" que existise "un dos elementos" substanciais do tipo penal: a existencia dunha relación de "prestación de servizos". A xuíza dera por certificado que o líder do PP ourensán "solicita, ou cando menos acepta un favor sexual", pero non foi quen de acreditar que incorrese nos tipos penais que lle imputaba xa que considerou fundamental que Baltar fillo non tiña formalmente ningún cargo en Ourense cando sucederon os feitos.

A xuíza dera por certificado que o líder do PP ourensán "solicita, ou cando menos acepta un favor sexual", pero non foi quen de acreditar que incorrese nos tipos penais

Contra ese arquivo recorreu tanto a denunciante dos feitos como o partido local Democracia Ourensana e o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado. O fiscal pediu que a causa continuase e se abrise xuízo oral contra a denunciante por coaccións. Segundo relatan varios medios de Ourense, a ese recurso do fiscal sumouse a defensa de Baltar. Porén, agora a Audiencia ratifica o auto de sobresemento da xuíza instrutora. O tribunal rexeita agora tanto o recurso da denunciante que pedía reabrir a causa contra Baltar, ratificando os argumentos ofrecidos pola xuíza instrutora, como o do fiscal que pedía actuar contra ela, argumentando nese caso que o delito que imputa á muller non foi obxecto da instrución.

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.