A CIG ve “un despropósito” o arquivo do caso dos helicópteros da Xunta malia a súa ilegalidade

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer

“O auto xudicial é un despropósito sen sentido”. Esa é a valoración que vén de facer a CIG da decisión do xuíz Andrés Lago Louro de arquivar a investigación aberta hai cinco anos pola decisión do máximo responsable forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, de encargar de xeito ilegal e sen contrato á empresa de helicópteros Inaer o servizo de extinción de incendios. O sindicato considera que co arquivo “estase a amparar unha fraude e un calote á cidadanía galega”.

O sindicato lembra que a Xunta non só entregou sen contrato a Inaer o servizo aéreo de 2012 senón que tamén lle encargou como novidade a xestión das brigadas, co que critica o argumento do xuíz de que a empresa xa realizaba o mesmo traballo

A investigación pola que estivo imputado Fernández-Couto, máximo responsable forestal da Xunta desde hai dúas décadas, e outros dous cargos de Medio Rural iniciouse por unha denuncia da Fiscalía a partir da alerta sobre as irregularidades que lle realizara a CIG. Irregularidades que tamén foron denunciadas polo Consello de Contas pero que para o xuíz non son constitutivas do delito de prevaricación porque, segundo argumenta, a decisión de Fernández-Couto de encargar os traballos a Inaer sen contrato non foi “caprichosa”. Para sustentar ese argumento o xuíz di que Inaer xa viña prestando ese servizo en anos anteriores e seguiuno facendo despois. Porén, a CIG salienta que no ano 2012 en que o fixo sen contrato houbo unha novidade importante a respecto de anos anteriores.

“Nese ano 2012, por primeira vez, o contrato contemplaba o Servizo integrado de helicópteros e brigadas, aspecto este último totalmente novidoso con respecto aos contratos anteriores”, salienta a CIG. Unha xestión das brigadas que antes realizaba Medio Rural de xeito directo pero que a partir daquel ano foi encargado dentro dun mesmo servizo a Inaer en sociedade con outra empresa, Natutecnia. “A 'subcontratación' das brigadas á empresa Natutecnia non ten cábida na argumentación do xuíz, polo que si poderiamos estar a falar dunha suposta prevaricación”, salienta a CIG.

O sindicato di que a ilegalidade ratificada polo xuíz é “froito da improvisación e da incompetencia dun Goberno galego que acostuma a facer gala da súa suposta boa xestión do público, cando na realidade é todo o contrario”

O sindicato lamenta que o xuíz arquive o caso malia admitir que houbo ilegalidades e salienta que estas son “froito da improvisación e da incompetencia dun Goberno galego que acostuma a facer gala da súa suposta boa xestión do público, cando na realidade é todo o contrario”. “Este é un exemplo máis da ruinosa xestión que o goberno do Partido Popular está a facer dos servizos públicos e cuxo responsable último é o presidente Feijóo”, di a CIG, en referencia ao apoio persoal e directo que vén amosando o propio Feijóo a Fernández-Couto.

Auto de arquivo da instrución pola adxudicación ilegal e sen contrato dos helicópteros contra incendios da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.