Feijóo reinicia o curso político desdeñando por ignorante á oposición, que lle reprocha sometemento a Madrid

Feijóo, durante a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

O conflito catalán, foco implícito ou explícito dos discursos públicos do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o último mes, foi arrombado este mércores no reinicio dos plenos do Parlamento de Galicia tras o habitual mes de parón polo nadal. A suposta ignorancia da oposición fronte ao seu propio modelo de goberno volveu ser o eixo central das súas respostas na Cámara ás críticas que En Marea, PSdeG e BNG lle realizaron aos recortes en servizos públicos e o sometemento ao Goberno central.

Pontón: “Se hai cartos para rescatar as radiais, ben podería rescatar a AP-9”

A sesión de control ao presidente deste mércores no Parlamento iniciouna a portavoz do BNG, Ana Pontón, criticando a ausencia dunha “axenda galega” nunha Xunta que ve traballando ao ditado de Madrid. Un día despois de que os gobernos galego e español acordasen subir aínda máis as peaxes en toda a AP-9 a cambio de facer gratuíto o treito Redondela-Vigo, Pontón reclamou a Feijóo que esixa ao Goberno central que quite a Audasa a concesión da autoestrada. “Se hai cartos para rescatar as radiais, ben podería rescatar a AP-9”, dixo a nacionalista.

A resposta de Feijóo, que obviou a nova suba da peaxe acordada este martes, centrouse en criticar a “axenda galega do BNG”, salientando que “os galegos nunca me perdoarían que impulsara a axenda do grupo que ten menos apoios”. “O meu nivel de esixencia co Goberno de Madrid é dúas veces superior ao nivel de esixencia do BNG e o PSOE co goberno Zapatero”, asegurou, criticando que os nacionalistas validasen no seu momento decisións daquel executivo prexudiciais para Galicia.

Leiceaga: “Vostede sacou a bandeira branca ante Madrid, a franxa azul desapareceu da súa bandeira”

Similar crítica de sometemento a Madrid por parte da Xunta realizou o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que reprochou que o Goberno galego acepte que o Ministerio de Facenda recorte os seus ingresos. “Vostede sacou a bandeira branca ante Madrid, a franxa azul desapareceu da súa bandeira”, dixo Leiceaga. A resposta de Feijóo foi a de acusar a Leiceaga de ignorar o xeito en que se xestionan as transferencias autonómicas e vinculalas coa negativa da oposición a nivel estatal a aprobarlle a Mariano Rajoy os orzamentos do Estado.

Villares: “Que vostede recoñeza agora que nos últimos días están contratando persoal e abrindo camas é un recoñecemento da súa política sanitaria ata este momento”

A pregunta do portavoz de En Marea, Luís Villares, centrouse nos recortes en materia sanitaria evidenciados pola vaga da gripe, pero a resposta de Feijóo foi similar. “Vostede ten algunha experiencia na sanidade pública deste país?”, retrucou o presidente, que mencionou expresamente a “ignorancia” de Villares e criticoulle que “o maior recorte que plantexou o seu partido foi dicir non ás vacinas”.

Villares criticou que desde que Feijóo goberna Galicia se “eliminaron 1.795 prazas de persoal sanitario” e “513 prazas de persoal médico”, ao que Feijóo respondeu asegurando que durante esta pasada vaga de gripe o Sergas contratou a 3.141 persoas “só en 23 días”. “Que vostede recoñeza agora que nos últimos días están contratando persoal e abrindo camas é un recoñecemento da súa política sanitaria ata este momento”, lamentou Villares. A resposta final de Feijóo foi novamente un intento de exemplificar a falta de capacidade para gobernar da oposición, neste caso de En Marea, á que atribuíu a responsabilidade dun erro de atención telefónica dun traballador do servizo de emerxencias 112 de Baleares porque alí Podemos preside o parlamento autonómico.

Villares, Leiceaga e Pontón, durante unha sesión de control Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.