Gonzalo e Abel Caballero reclaman a Feijóo que Galicia se faga valer como nacionalidade histórica

Gonzalo Caballero e Abel Caballero, ao inicio do almorzo informativo CC-BY-SA Praza Pública

“O PSdeG tivo cinco secretarios xerais desde que son alcalde”. Así comezou este xoves o rexedor de Vigo, Abel Caballero, a súa presentación en Santiago, nun concorrido acto informativo, do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, sobriño seu do que xa estivo máis distanciado que agora. A súa aproximación desde que o segundo acadou o liderado do PSdeG nas primarias celebradas hai case catro meses desembocou este xoves na petición de Abel a Gonzalo de que cubra o “baleiro” que ao seu xuízo está deixar o presidente Feijóo e o seu “feble goberno con maioría”.

O novo líder do PSdeG elixe o seu tío e alcalde de Vigo para presentalo nun concorrido acto informativo en Santiago no que este lle pide que cubra o “baleiro” que deixa Feijóo e o seu “feble goberno con maioría”

Comezou o acto Abel Caballero apelando á necesidade de “estabilidade” no partido, para o que considerou un “bo principio” que Gonzalo Caballero estea “avalado por un sólido triunfo nunhas primarias”. E tras varios eloxios cara ao seu sobriño, o alcalde de Vigo, principal azoute da Xunta desde a súa ampla e reiterada maioría absoluta, cargou contra Feijóo. Segundo dixo, nestes tempos nos que “a política volveuse fluída, moi fluída, máis do que quereriamos”, estanse a producir “baleiros políticos” en “moitas institucións, pero de xeito singular na Xunta de Galicia, na súa presidencia”, na que “quen foi elixido para levar adiante un proxecto virou o proxecto”.

Abel Caballero criticou a “febleza dun goberno con maioría” que atribúe á Xunta de Feijóo e salientou que “o papel de cubrir baleiros ten que xogalo o PSOE en Galicia”. “Ese papel tócache a ti”, dixo, dirixíndose a Gonzalo Caballero, ao que reclamou que “Galicia ten que xogar o seu papel, o dunha nacionalidade histórica que marque terreo” no debate da reforma constitucional. E rematou Abel Caballero a súa presentación amosando a súa confianza en que “dentro de moitos anos volveremos estar aquí, eu de alcalde”.

“Parécenos válido un plantexamento de nación de nacións, de nacións culturais, que non trocee a soberanía do conxunto da cidadanía do Estado español”, dixo Gonzalo Caballero en referencia á reforma constitucional

Gonzalo Caballero comezou o seu discurso, ante varios centos de representantes de empresas, entidades sociais e políticos, citando ao economista John Maynard Keynes no que semellou unha referencia á súa propia elección á fronte do PSdeG: “O inevitable rara vez sucede e o improbable sempre ocorre”.

O líder do PSdeG, en liña coa introdución feita polo seu tío, criticou que Galicia está “sen estratexia, sen rumbo, sen política con maiúscula e sen política económica de ningún tipo”, cun PP que aplica o “rodillo” pero cun presidente “con outras prioridades”. Fronte a esa situación, apelou á necesidade de reformar tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía. Sobre a primeira, dixo que “se se fai unha reforma, Galicia terá que estar no pelotón de saída coas competencias de autogoberno que lle correspondan” como “nacionalidade histórica” cunha “especificidade”. Porén, matizou que “a cuestión dos nomes non nos preocupa”, engadindo que “nos parece válido un plantexamento de nación de nacións, de nacións culturais, que non trocee a soberanía do conxunto da cidadanía do Estado español”. Do mesmo xeito, Caballero apelou a unha “reforma do Estatuto que a dereita obstaculizou desde os tempos do presidente Touriño”.

“O PSdeG non ten que virar á esquerda, nós somos a esquerda, ocupamos a esquerda, somos a alternativa pola esquerda ao PP”, rematou Gonzalo Caballero a súa intervención

Sobre o seu propio papel na oposición ao Goberno de Feijóo, asegurou que el é só “un instrumento da  causa de acadar un goberno máis xusto na Xunta”. “Traballarei na Universidade de Vigo con normalidade ata que así o poida facer”, engadiu. E preguntado por posibles pactos con outras formacións para acadar ese obxectivo, Gonzalo Caballero limitouse a asegurar que o PSOE está recuperándose en toda España fronte a outros partidos, aos que evitou criticar de xeito directo.

“Non estamos nos populismos”, limitouse a dicir o líder do PSdeG, ao tempo que reivindicaba “unha socialdemocracia europea que é máis necesaria que nunca” e salientaba o “compromiso” dos socialistas galegos “coas persoas”, “o ecoloxismo”, “o feminismo” e a necesidade de “salarios dignos”. “Cremos nun Estado que ten que acompañar, limitar, orientar aos mercados”, dixo.

A súa resposta máis efusiva produciuse cando se lle preguntou se o PSdeG ten que xirar á esquerda para evitar que o adianten outras formacións como En Marea ou moderarse para captar votos do PP: “O PSdeG non ten que virar á esquerda, nós somos a esquerda, ocupamos a esquerda, somos a alternativa pola esquerda ao PP”, rematou a súa intervención.

Gonzalo Caballero, na súa intervención no acto informativo en Santiago ante varios centos de invitados Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.