A Fiscalía acepta agora arquivar a adxudicación ilegal dos helicópteros da Xunta na que o xuíz non ve prevaricación

Un helicóptero contra incendios da Xunta operado por Inaer © Inaer

A Fiscalía non recorrerá o arquivo decidido polo xuíz instrutor da investigación pola adxudicación ilegal e sen contrato en 2012 dos helicópteros de loita contra incendios da Xunta á empresa Inaer, outorgada polo máximo responsable forestal do Goberno galego, Tomás Fernández-Couto. O ministerio fiscal fora quen denunciara o caso e instara a apertura da investigación, decisión criticada polo Goberno galego, pero tras as dilixencias practicadas considera agora que a investigación debe darse por pechada.

O instrutor non viu “capricho” na entrega do servizo sen contrato a Inaer por parte de Medio Rural e propuxo rematar a investigación, algo que agora apoia a Fiscalía, que denunciara o caso

Naquel ano Fernández-Couto, á fronte da loita contra os lumes na Xunta durante as dúas últimas décadas, entregou o servizo a Inaer, que opera a inmensa maioría dos helicópteros do Goberno galego, sen contrato. A CIG puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía, que denunciou o caso e provocou a apertura dunha investigación penal que supuxo a imputación por prevaricación de Fernández-Couto e doutros dous ex-altos cargos da Xunta. Durante este tempo o Consello de Contas constatou diversas irregularidades nese e noutros contratos con Inaer, agora integrada na británica Babcock, do Goberno galego, que as obviou. Hai dúas semanas o xuíz instrutor propuxo o arquivo do caso por entender que a ilegalidade producida non pode considerarse delito de prevaricación.

A Xunta criticou a denuncia que formulara a Fiscalía e obviou as críticas que xa lanzara o Consello de Contas a ese e outros contratos con Inaer

“Existe un feito obxectivo e incontrovertible consistente en que dita adxudicación carece da cobertura contractual que, en situación de normalidade, debera existir e adecuarse aos parámetros de contratación ordinaria”, dixo o xuíz. Pero engadiu no seu auto de arquivo que “para conformar o delito de prevaricación non é suficiente con constatar unha mera ilegalidade senón que é preciso demostrar ademais, polo menos indiciariamente, que tal infracción normativa foi consciente, deliberada e buscada de propósito coa fin de antepor a propia vontade e o interese particular de quen decide ao interese xeral subxacente nas previsións normativas”. Para o xuíz, esa adxudicación ilegal “non pode considerarse caprichosa ou arbitraria” pola excepcionalidade dos incendios daquel ano e porque Inaer sempre foi a principal empresa que prestou ese servizo. A Fiscalía comparte agora ese arquivo da causa.

Auto de arquivo da instrución pola adxudicación ilegal e sen contrato dos helicópteros contra incendios da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.