0 Gardados para despois

A oposición pide a Feijóo que a súa viaxe non avale a política de Israel cara a Palestina

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Os tres grupos da oposición coincidiron este martes en reclamar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que a viaxe de tres días que vén de iniciar a Israel para promover as exportacións galegas non supoña un aval ás políticas do seu Goberno cara os palestinos. Pola contra, o PP admitiu que a diplomacia israelí pode “mellorar” pero salientou que é “o único país democrático da súa contorna”. A viaxe fai que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, veña de asumir ata a volta de Feijóo o “despacho dos asuntos da Presidencia”.

A viaxe de Feijóo a Israel prodúcese catro anos despois de que o embaixador en Madrid declarase “inimigo” ao Parlamento galego por censurar o desprazamento de palestinos das súas residencias que orixinou a creación do Estado israelí. Ese feito foi lembrado polo portavoz de En Marea, Luís Villares, quen salientou que Galicia é un pobo de paz e que a Cámara galega vén de condenar novamente o Holocausto xudeu, pero que reclama igualmente o dereito do pobo palestino a existir e non ser desprazado. Villares reclamou a Feijóo que inicie a súa viaxe en Israel incidindo nesa idea.

O PP admite que a diplomacia israelí pode “mellorar” pero salienta que é “o único país democrático da súa contorna”

Desde o PSdeG o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou a Feijóo que sexa “extremadamente coidadoso nunha contorna internacional moi complicada para non avalar as políticas erradas do Estado de Israel” cara a Palestina. Máis alá desa consideración, Leiceaga rexeitou avaliar a viaxe porque criticou que a Xunta se limitou a informar da mesma que terá un contido económico. Para os socialistas Israel non é un Estado prioritario para Galicia pero entenden que a viaxe pode facerse se resulta útil.

Quen máis dura se amosou coa viaxe foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, para quen Feijóo “ampara” un “Estado criminal” que “acosa os dereitos humanos”. “Non é o país nin o momento idóneo para ir”, dixo.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, salientou que Israel é “o único país democrático da súa contorna” e que, á marxe da “consideración” que se poida ter sobre se a diplomacia israelí pode “mellorar”, a viaxe de Feijóo terá un carácter económico.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.