A Xunta advirte de que non permitirá que se "paralicen" os xulgados se hai folga indefinida

Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta © Xunta

A Xunta intentará un acordo para evitar a folga indefinida que o persoal da Administración de Xustiza en Galicia convocou a partir do vindeiro 7 de febreiro pero, no caso de que siga adiante, activará medidas para evitar a "paralización" dos xulgados, un temor real ante a unanimidade nas reivindicacións dos traballadores. Así o asegurou este xoves o vicepresidente e responsable autonómico do departamento de Xustiza, Alfonso Rueda, logo do Consello que presidiu pola ausencia de Alberto Núñez Feijóo. 

Rueda advirte de que intentará evitar a folga pero que, no caso de habela, establecerá medidas para evitar a "paralización" dos xulgados

Malia non querer entrar a valorar o fracaso da negociación que este mércores que acabou nun peche do comité de folga, Rueda aclarou que se tivese que "interpretar" a actitude dos portavoces sindicais, "habería que pensar que a folga é inevitable", pero quixo ser optimista sobre a posible resolución do conflito. Ademais, negou as acusacións dos traballadores de Xustiza, que denuncian que Xunta presentou unha proposta "empeorada". 

En contra do que asegura o comité de folga, Rueda reafírmase en que tres das cinco reivindicacións dos traballadores xa están "solucionadas": a que ten que ver consolidación de emprego, as amortizacións e a compensación pola cobertura do posto dun compañeiro. Segundo di, quedarían por arranxar a "igualdade de trato" que reclaman os funcionarios cos compañeiros que non dependente da Xunta en canto ás baixas por incapacidade temporal, así como a suba salarial a través do complemento autonómico transitorio. 

Rueda insiste en que tres das cinco reivindicacións dos traballadores xa están "solucionadas", algo que nega o comité de folga

Quedarían pendentes as reivindicacións de "igualdade de trato" co resto de funcionarios xudiciais (que non dependen da Administración galega) nas baixas por incapacidade temporal e unha suba a través do complemento autonómico transitorio. Rueda insiste en que a proposta da Xunta situaría os traballadores "por riba da media estatal" e cunha "mellora substancial". Ademais, aclara que "aínda se pode negociar" sobre ela, pero advirte de que non se poderá asumir "unha suba de 3.000 euros [anuais] por funcionario". Desde o comité de folga aseguran que a súa situación "non é comparable" ás dos compañeiros do resto do Estado porque eles sufriron recortes durante catro anos. 

Rueda asegura que esa suba de 3.000 euros "foi a última que fixeron". "E a nosa negativa motivou que se levantasen da mesa", dixo, tras garantir que, no caso de haber folga e ao determinarse os servizos mínimos, "a Xunta activará medidas para que se proporcione non un servizo normal pero si que evite que se paralice a administración xudicial".

"A Xunta activará medidas para que se proporcione non un servizo normal pero si que evite que se paralice a administración xudicial"

"É a nosa obriga e farémolo, pero esperemos que non faga falta porque aínda quedan uns cantos días para arranxar a situación", engadiu, tras aclarar que "non se trata de quen convoque a quen", senón de que as negociacións sigan "abertas". "Creo que aínda temos posibilidades e que os sindicatos saben que é factible chegar a un acordo", insistiu.

 

Subas aplicables en 2019

A Xunta difundiu unha proposta que suporía un incremento retributivo de 75 euros ao mes (900 euros anuais) para os xestores; 62 euros ao mes (744 anuais) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 anuais) para os auxilios. O incremento tería efectos a partir do 1 de xaneiro de 2019 e aplicaríase en tres anualidades e o comité de folga asegura que na anterior proposta, este aumento aplicaríase desde este mesmo ano. 

Segundo o Goberno galego, a proposta recolle que este aumento no complemento é compatible con manter o concepto retributivo de IPC galego.

Respecto das baixas laborais e a "discriminación" polo desconto salarial con respecto a outros funcionarios xudiciais, a Xunta di comprometerse a crear un grupo de traballo para tratar a ampliación de supostos previstos. En canto á equiparación no salario ao substituír compañeiros, a creación de novas prazas fixas ou a estabilización laboral, a Xunta insiste en que xa houbo acordo, algo que negan os sindicatos. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.