"A planificación ferroviaria para Lugo é vergoñenta e o Goberno do PP renunciou a mellorala"

Alvaro Santos, César Ramos, a deputada Pérez Herráiz e outros cargos socialistas, sobre as vías do FEVE na estación de Foz CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O PSdeG estivo a completar nas últimas semanas o longo proceso de renovación de órganos internos como culminación do proceso do seu Congreso Nacional Galego. No caso de Lugo a nova dirección provincial está encabezada polo tamén voceiro do goberno da Deputación, Álvaro Santos, que situou o seguimento das infraestruturas pendentes na provincia como unha das súas prioridades. Os socialistas abordaron esta semana este eido cunha visita do voceiro de Fomento do PSOE no Congreso, César Ramos, quen asegurou que a "radiografía das infraestruturas estatais" en Lugo trazada polo PSdeG cadra co feito de que non existan plans do Goberno central a curto prazo para melloralas de xeito tanxible, moi especialmente no caso do tren.

"A planificación ferroviaria para Lugo é vergoñenta e o Goberno do PP renunciou a mellorala", resumiu Ramos na súa visita a Lugo. Así como no ámbito das estradas, afirma, "a provincia de Lugo quedou fora do plan de 5.000 millóns presentado por Rajoy hai pouco máis de medio ano", no que atinxe ao tren o panorama é "moito máis sangrante". "Todas as capitais de provincia teñen actuacións previstas para un tren do século XXI", pero "o Goberno do PP non ten nada previsto para Lugo". Simplemente, afirma, "renunciou a que Lugo poida ter un ferrocarril como o doutras localidades" máis alá das melloras da vía convencional xa previstas nos sucesivos orzamentos do Estado.

"Imos esixir un plan ferroviario para Lugo" que comece por "deixar de enganar á xente", aseguran os socialistas

Neste sentido, aseguran os socialistas, "imos esixir ao Goberno un plan ferroviario para Lugo" que comece por "deixar de mentir á cidadanía co tempo que se vai tardar dende Lugo a Madrid cando chegue o AVE a Galicia; que primeiro ía ser en 2018" -prazo mantido ata o pasado ano- e "despois era o 2019", data "da que temos as nosas dúbidas de que se vaia cumprir", salienta o parlamentario, por mor do atraso de traballos previstos en "dous tramos" da provincia de Ourense. "Pero mesmo aínda que estivesen eses dous tramos, o tempo de viaxe entre Madrid e Lugo nunca baixaría das 4 horas, pedimos que deixen de enganar".

Arranxos de estradas e a fin da "decadencia" do tren FEVE no norte, entre as principais demandas

Con este pano de fondo o PSOE asegura que non vai estar "disposto a asinar" o anunciado "pacto de Estado en materia de infraestruturas" se, entre outras condicións, "non hai un plan para Lugo de estradas e ferrocarril". Neset sentido, Álvaro Santos sinala que "as demandas" son as resumidas na "radiografía das infraestruturas" que a súa formación plasmou sobre o mapa e que van dende os "arranxos integrais" de estradas convencionais deterioradas, algo que tamén reclaman para a autovía A-6. O "impulso" das autovías a Santiago e Ourense ou a solución definitiva á néboa na A-8 son outras das demandas dun catálogo que, no ámbito ferroviario, inclúe a eliminación de todos os pasos a nivel pendentes ou "máis servizos ferroviarios" de proximidade.

"Radiografía das infraestruturas" pendentes na provincia de Lugo, plasmada sobre o mapa polo PSdeG / PSdeG Lugo

No ámbito do tren esta "radiografía" ás infraestruturas lucenses detívose fisicamente na liña do FEVE, o tren do norte Ferrol-Ribadeo, cuxos usuarios veñen denunciando sistemáticas deficiencias e escaseza de servizos. Cunha elocuente imaxe sobre as vías á altura de Foz o PSdeG sumouse á "demanda de melloras de trens e estacións, máis persoal e horarios". Trátase, advirten, de que o tren de vía estreita free a súa "decadencia" e deixe de ser protagonista da actualidade por "viaxes que se cancelan, constantes avarías" ou "días nos que só circula un tren dos nove previstos. "Ano tras ano, empeora a situación", censuran.

César Ramos, en rolda de prensa con Álvaro Santos e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.