Beiras abre a porta á "confluencia" de Anova nun "proxecto común"

Beiras, ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Porta aberta a unha “confluencia” nun “proxecto común”. O voceiro de Anova-Irmandade Nacionalista, Xosé Manuel Beiras, abriu a opción a un acordo entre a súa formación e outras de cara a vindeiras convocatorias electorais, en clara alusión a Compromiso por Galicia (CxG), aínda que aclarou que nese caso non sería “nin un partido, nin unha constelación, nin coalición, nin mesa de grupos”.

"Se se asume un documento programático, non habería razóns para non confluír", sinala Beiras

“Sigo confiando en que a confluencia suceda porque hai un documento programático con liñas agrupadas por segmentos de temática; se se asumen, non habería razóns para non confluír”, aclarou Beiras, que insistiu en que non quere “unha especie de Retrincos ou farrapeira”.

O voceiro de Anova insistiu en que esa presumible unidade dependerá de se os implicados comprenden que o tempo actual precisa e require organizacións abertas, controlados por cidadáns e que “dan marxe para a incorporación plena e masiva”. “A presenza de grupos a través dos seus militantes enriquece a lectura”, dixo nun acto en Compostela.

Anova aclara que o diálogo con Compromiso por Galicia continúa, aínda que aclara que será "discreto"

"Se é un novo proxecto común, que é do que se trata, pois canta máis confluencia se poida lograr cos cidadáns a título individual e cos continxentes doutros grupos, pois claro que se pode e debe continuar", precisou Beiras, que volveu dicir que a asemblea do pasado sábado 14, na que se conformou Anova, tan só serviu para “montar os alicerces” dun proxecto que hai que seguir construíndo.

Beiras aclarou tamén que o diálogo (con Compromiso por Galicia) continúa, aínda que detallou que el xa optara por que os contactos “fosen discretos e non con especificaciónsn cara a fóra”. Do mesmo xeito, lembrou que vén de renunciar á portavocía de Encontro Irmandiño "porque sería pouco ético e clarificador continuar sendo portavoz dunha organización se se é portavoz da propia Anova".

Anova celebrará un acto político o 25 de xullo en Compostela, presumiblemente na praza de Mazarelos e logo en Belvís

Ademais, o voceiro de Anova anunciou que a formación celebrará unha concentración-mitin o vindeiro 25 de xullo en Compostela, case seguro na praza de Mazarelos ao que seguirá unha “xuntanza festeira”, posiblemente no parque de Belvís. Ademais, aclarou que si se contemplou a posibilidade de compartir espazo con Compromiso por Galicia polo Día da Patria, pero que se estimou que se “debería facer unha presentación” da súa propia alterantiva para “coñecerse, tratarse e empezar a convivir”.

Por último, Beiras valorou a entrada na escena política “dunha ferramenta, se é con confluencia mellor, ordenada, estruturada e incardinada" porque esa irrupción "botará de San Caetano aos actuais inquilinos". "Aínda que non se debe contribuír a crear o espellismo de que se hai un cambio, automaticamente pódense resolver as cousas", concluíu, "pero considero que todo movemento cidadán vertedura en proxecto alternativo é moi capaz" de desterrar a Alberto Núñez Feijóo da Xunta, concluíu.

Por outra banda, Compromiso por Galicia, formación onde se agrupan Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista, celebrou este pasado xoves un novo acto de presentación en Ponteareas.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.