Feijóo propón asentar en Galicia descendentes da emigración para combater a crise demográfica

Feijóo, durante o acto das Bolsas de Excelencia © Xunta

Entre os anos 2013 e 2016, Galicia viu marchar a outros territorios do Estado case 7.000 menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron ao país. Nese último ano debullado polo IGE, o saldo migratorio interautonómico foi de -2.126, mudándose a Madrid máis de 3.300 mozos e mozas, uns 1.800 a Catalunya e preto de 1.600 ás Canarias. No mesmo exercicio, 6.115 persoas novas emigraron fóra de España, aínda que 9.185 chegaron do estranxeiro a terras galegas, provocando un saldo positivo que non fora tal nos peores momentos da crise: entre 2012 e 2015 foron traballar ao estranxeiro 23.000 galegos e galegas. 

Entre 2013 e 2016, Galicia viu marchar a outras autonomías case 7.000 menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron

A emigración, xunto coa baixa natalidade, provocan un grave problema demográfico en Galicia que semella irá a peor. As proxeccións indican que en 2030 o país perderá uns 20.000 habitantes pola diferenza entre nacementos e mortes e gañará arredor de 3.000 pola vía migratoria. Así, o saldo vexetativo, a diferenza entre o número de persoas que nacen e morren, profundará na súa tendencia negativa: de -10.000 en 2016 a case -20.000 dentro de quince anos. Con eses case 10.000 cidadáns menos no pasado ano, o país converteuse na segunda comunidade autónoma que perdeu máis poboación no conxunto do Estado. 

En 2030, o país perderá uns 20.000 habitantes pola diferenza entre nacementos e mortes e gañará 3.000 pola vía migratoria, segundo as proxeccións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este martes unha opción para axudar a combater ese problema demográfico, ao animar os descendentes de emigrantes a "facer a viaxe ao revés" e asentarse en Galicia. Foi durante acto de entrega de diplomas a 94 mozos descendentes de galegos --residentes en 16 países como Venezuela, a Arxentina ou Cuba-- que participan na primeira edición de Bolsas de Excelencia para cursar másteres no país.

No seu discurso, que fixo en castelán, Feijóo advertiulles aos mozos que "hai unha Galicia aberta" para eles, mentres observa na "Galicia exterior unha fonte de posibilidades para sumar solucións ao problema demográfico que se ten desde a década dos anos 80 do século pasado". "Hai unha Galicia ansiosa por aproveitar o voso traballo, os vosos coñecementos, as vosas experiencias e as vosas ambicións de futuro", engadiu, tras aclarar que a Xunta en a "vontade" de "atraer currículos valiosos para incentivar" que esta xente nova poida "continuar formándose" na comunidade e "valorar a posibilidade de fixar aquí a residencia, o futuro e o traballo". 

Feijóo di que a Xunta ten a "vontade" de "incentivar" que os descendentes de emigrantes "valoren a posibilidade de fixar a residencia" no país

Feijóo insistiu en indicarlles Galicia como "un fogar para aqueles que pensen en volver, especialmente desde os países da emigración que peor se atopan política e economicamente nestes momentos”. 

Así, o presidente da Xunta insistiu en que Galicia "é bo lugar" para "quedar" e que coas novas xeracións descendentes de emigrados pódese "facer unha Galicia máis aberta, máis dialogante, máis internacional". Por iso, chamou "aproveitar a globalización" para "facer a viaxe ao revés". "Toca aproveitar esta longa experiencia da emigración da man da vosa xeración", díxolles. Ademais, fixo fincapé en como o país mudou desde os tempos de emigración dos avós e pais destes mozos. "É a mellor Galicia que vivimos xamais", sentenciou, tras destacar que "agás os irlandeses e os xudeus, non hai un pobo" como o galego. 

A deste ano é a primeira convocatoria deste programa que conta co apoio do tres universidades galegas e ten 94 beneficiarios dun total de 16 países, con Venezuela á cabeza, con 23 alumnos. O resto proceden do Brasil (18 beneficiarios), a Arxentina (15), Reino Unido (8), México (7), Uruguai (6), Alemaña (6), Perú (2), Costa Rica (2), Cuba (2), Chile (1), Chipre (1), Francia (1), Panamá (1), Polonia (1) e Suíza (1).

Durante o seu discurso, Feijóo mandou un saúdo especial aos participantes chegados de Venezuela, aos que enviou "un abrazo moi forte", porque di que lle "preocupa" a situación que se vive neste país.

Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.