0 Gardados para despois

Feijóo négase a explicar no Parlamento os 77.000 euros que gastou en publicitar a súa tese sobre terrorismo incendiario

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Tras a vaga de incendios do pasado 15 de outubro a Xunta gastou un mínimo de 77.000 euros en publicar nunha ducia de xornais impresos galegos e estatais unha páxina enteira de publicidade coa súa tese sobre o suposto “terrorismo” que estaría detrás do lume. Este mércores, despois de que o fiscal de Medio Ambiente avanzase que non atopa ningunha trama incendiaria, En Marea preguntou de xeito expreso ao presidente Feijóo no Parlamento de Galicia sobre esa campaña publicitaria. Porén, Feijóo eludiu responder, contraatacou acusando a En Marea de facer propaganda e ratificouse en que os incendios foron produto do terrorismo.

Xa no avance por escrito presentado hai uns días na Cámara sobre o tema da súa pregunta En Marea indicou que pretendía preguntar ao presidente Feijóo pola súa “política de propaganda”. E así o fixo este mércores o seu voceiro, Luís Villares, que inquiriu sobre ese gasto concreto en publicidade. Villares preguntou tamén se, despois de que o fiscal negase a existencia de tramas, a Xunta vai “facer outra campaña institucional pagada para desmentir esa información”. O portavoz de En Marea sentenciou sobre a orixe dos incendios que “non hai trama, o que había era unha tremoia do PP para ocultar a súa propia incompetencia”, para preguntar finalmente: “Cre vostede que con propaganda pode borrar o seu fracaso como gobernante?”

Villares pregunta expresamente na Cámara pola campaña que publicou en xornais impresos e o presidente elude responder, pero contraataca acusando a En Marea de facer propaganda

Porén, en ningunha das súas dúas intervencións o presidente deu ningunha explicación ao respecto. Polo contrario, acusou a En Marea de propaganda e volveu atribuír á Fiscalía, como xa fixo o pasado xoves, as sospeitas desa suposta “trama incendiaria” que agora ninguén é quen de demostrar. Feijóo mesmo insinuou que coas súas críticas Villares está a favorecer aos incendiarios: “alá vostede a quen protexe”, dixo.

Antes da pregunta deste mércores que Feijóo se negou a responder, o Goberno galego xa respondera por escrito unha pregunta formulada tamén por escrito formulada polo BNG sobre esa mesma campaña publicitaria sobre os incendios. Na súa contestación a Xunta dicía que aquela páxina publicitaria sobre a súa tese de “terrorismo incendiario” informaba da existencia de axudas aos afectados. Igualmente, xustificaba que se elixiran medios en papel e non outros argumentando que o texto publicado era demasiado longo para o que se adoita ler en internet.

"O que había era unha tremoia do PP para ocultar a súa incompetencia", di o voceiro de En Marea ao presidente, que volve adxudicar á Fiscalía a tese da trama incendiaria

Feijóo tamén dixo este mércores que “non é necesaria unha trama para cometer un acto de terrorismo, pódese cometer de xeito individual sen conectar con ninguén”. A esa afirmación Villares retrucou lembrando que o presidente defendeu que as vítimas dos incendios fosen tratadas como vítimas de terrorismo pero salientou que a Xunta non o fai así nas indemnizacións que preveu para elas. Villares salientou que a lei estatal prevé indemnizacións de 200.000 euros en caso de falecemento por terrorismo e de 500.000 euros en caso de gran invalidez, mentres que as axudas establecidas polo Goberno galego para os afectados polos incendios son de 75.000 euros tanto para os casos de morte como de incapacidade absoluta.

Leiceaga pregunta por obras públicas e Feijóo responde criticando a organización do PSOE

"Non teña dúbida de que no caso de que o AVE non chegue a Galicia o próximo ano o primeiro que se vai levantar aquí a dicilo son eu”, asegurou Feijóo

Proceder similar ao empregado para non responder a Villares foi o que empregou o presidente para contestar a pregunta que lle formulou o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. O socialista pediu ao presidente unha explicación polo que considera un “castigo” do Goberno central cara Galicia en materia de investimentos en infraestruturas. Pero a resposta de Feijóo foi a de empregar os dous primeiros minutos dos tres con que contaba para criticar a organización interna do PSOE. Sobre a cuestión pola que era preguntado, houbo que agardar á segunda quenda de intervencións para que o presidente volvese reiterar que “o AVE chegará a Galicia o próximo ano, non teña dúbida de que no caso de que o AVE non chegue a Galicia o próximo ano o primeiro que se vai levantar aquí a dicilo son eu”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.