0 Gardados para despois

O goberno do 'irmandiño' Martiño Noriega, pendente de dous edís que non deixan o BNG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un goberno de maioría absoluta con sete concelleiros independentes e dous do BNG ou un goberno en minoría. Son as dúas opcións que ten diante de si o Concello de Teo, municipio próximo a Compostela que nos últimos días se sitúa como o máximo expoñente do contencioso aberto entre o Bloque e o Encontro Irmandiño. Tres días despois de que o partido que dirixe Xosé Manuel Beiras decidise a súa marcha da formación frontista, o alcalde do municipio e viceportavoz irmandiño, Martiño Noriega, convocou a todos os membros do que as eleccións configuraron como grupo municipal do BNG para coñecer a súa visión do escenario aberto tras a escisión. A xeito de síntese, é posible afirmar que o resultado desa xuntanza é que a maioría absoluta coa que goberna Noriega queda a expensas da dirección que encabeza Guillerme Vázquez.

Segundo a explicación do propio Noriega, dos nove edís que as urnas lle outorgaron á formación frontista en Teo, "dous explicitaron a súa decisión de permanecer no BNG" e "vencellan" o mantemento da estrutra de goberno "ao que os órganos do BNG decidan". Un terceiro, detalla, liga a súa militancia no Bloque "a que sexamos quen de manter a unidade de acción". En caso contrario, ese terceiro concelleiro tamén deixaría a fronte. 

Mentres dende a dirección frontista a mensaxe maioritaria insta aos irmandiños a "entregar as actas á organización" por ter sido elixidos en listas do Bloque, Martiño Noriega matiza que "non estamos falando de cambiar de partido", senón de "darnos de baixa do BNG" e manter a militancia unicamente no EI. "Estou nunha organización que dediciu saír do BNG, non estou cambiando" de partido, conclúe. Así as cousas, e mentres as direccións de ambas formacións deciden o xeito en que solucionarán o conflito, o alcalde teense é "optimista" a respecto desa "unidade de acción" para "garantir a gobernabilidade do Concello". Nesta liña, admite Noriega que "se están adoptando posicións previas duras" dende o Bloque, "pero teño o convencemento de que a situación vai ser transversal no país e de que vai haber que adoptar unha posición global" ao respecto.

Esta opinión é compartida por un dos concelleiros máis veteranos da localidade, Rafael Sixto. "Eu, que levo 28 anos de militancia no BNG", di, "o único que pido é respecto". "En todo caso, conviremos todos que, empezando pola propia lei, o transfuguismo é para gañar algo e nós aquí xa o temos todo, alcaldía e maioría absoluta". "Se marchamos non é para gañar nada", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.