José Blanco insinúa que se presentará ás primarias do PSdeG

Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"Unidade e transparencia para ser capaces de dar resposta aos milleiros de cidadáns que ven posible unha alternativa centrada no crecemento e liderada polo Partido Socialista". Con esta frase quixo Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG, reclamar a unión dos socialistas galegos durante a súa intervención no comezo do Comité Nacional que se celebra este sábado e que abre formalmente o proceso de primarias coa que se aproba o calendario para elixir o candidato á Xunta. José Blanco, que tamén pediu "unidade", insinuou no seu discurso a porta pechada que se presentará ás primarias, tal e como adiantou Europa Press.

Nun tenso Comité, o ex ministro foi reprendido por superar o tempo da súa intervención, ao que contestou que "ninguén anulará" o seu "compromiso con Galicia". A súas palabras, xusto despois das de Pachi Vázquez, interpretáronse como unha contraposición á mensaxe do actual secretario xeral, máis aínda cando aludiu a crear "un proxecto que ilusione" ou a que os cidadáns e os militantes terán tempo de escoitar as súas propostas, e logo das interpretacións que moitos políticos socialistas fixeron das súas verbas. Blanco presentarase ás primarias, coincidiron, pouco despois de que o actual líder dos socialistas pedira que ningún proceso interno os afastase dos problemas reais dos cidadáns.

O devandito Comité nacional inicia así o proceso de elección de candidato, tras aprobar a celebración dun Comité Federal do 8 de setembro, e que debería concluír ao comezo de outubro, concretamente o día 6, coa votación e elección dos candidatos que se presenten ás primarias. Do 8 de setembro en diante haberá 15 días para a presentación de candidaturas.

Pachi Vázquez pide "unidade" no inicio do proceso de primarias que rematará a inicios de outubro coa elección de candidato

Precisamente, co ruxerruxe da posible candidatura de José Blanco e o apoio explícito recibido polo ex ministro por parte de figuras socialistas como Gómez Besteiro ou López Orozco, Pachi Vázquez instou os militantes do PSdeG a "darse as mans e coller forzas" para "liderar unha alternativa política" que "faga unha aposta decidida" polo crecemento". No mesmo escenario, outro ex ministro que soa con forza como alternativa, Francisco Caamaño, asegurou que, no caso de postularse oficialmente como candidato á Xunta, a decisión tomaraa "coa agrupación provincial" porque, dixo, non lle gustan "as aventuras persoais".

Caamaño di que tomará a decisión de presentarse ou non "coa agrupación provincial" porque non lle gustan "as aventuras persoais"

Francisco Caamaño, secretario xeral dos socialistas coruñeses, definiu o proceso de primarias aberto este sábado como a "procura de solucións pensando no mellor para os galegos que, debido ás malas políticas de Feijóo, están a pasalo moi mal". Ademais, reiterou o seu "compromiso" coa agrupación provincial socialista da Coruña polo que, como apuntou, "tomará a decisión con eles" sobre presentarse ou non ás primarias. "Non me gustan as aventuras persoais", manifestou antes de puntualizar que, neste momento "hai que pensar nos cidadáns e en facer as cousas con seriedade".

Así, púxose "a disposición do partido para todo o que faga falta" e asegurou "estar cheo de ilusión e con ganas de traballar" xunto á agrupación provincial, órgano que, avanzou, "tomará a súa decisión no momento oportuno, é dicir, cando se teñan que presentar as candidaturas pertinentes".

José Blanco, que tampouco se manifestou sobre a súa hipotética candidatura, si apelou tamén nunha breve intervención ante o Comité pola "unidade" do partido e destacou que si existe unha alternativa de cambio en Galicia, polo que animou os compañeiros a "vencer a resignación", o que se consegue, segundo el, con "ilusión, proxecto e liderado". "Non caiamos en debates estériles", dixo.

José Blanco non di nada sobre a súa posible candidatura e pide "unidade, ilusión, proxecto e liderado"

Por outra banda, e no seu discurso no Comité Nacional, Pachi Vázquez acusou o PP de "desmontar" o Estado de Benestar "non que nunca creu" e censurou a "incapacidade" do Goberno de Mariano Rajoy e da Xunta de Feijóo "para sacar adiante este país". "Están inmersos nunha cegueira que xa  non é económica, senón ideolóxica", repetiu. Neste sentido, pediu ao seu partido que, se goberna, "a primeira medida" que se poña en marcha sexa "un imposto á banca" e "a segunda, sacar o copagamento aos pensionistas.

Ademais, como primeiro obxectivo se o PSdeG goberna a Xunta, adiantou a creación de 50.000 postos de traballo para mozos, parados de longa duración e muleres, como colectivos máis afectados pola crise. Conseguiraos, segundo di, destinando 180 millóns que sairán da aplicación dunha nova fiscalidade aos sectores que máis teñen.

Pachi Vázquez, nun Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG
Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.