A Xunta consignou durante anos 200 millóns menos do necesario para pagar a peaxe de Rande ata 2048

Feijóo e Rajoy na inauguración da ampliación de Rande e informe do Consello de Contas sobre compromisos futuros da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

“Todos os galegos nos liberamos da obriga de destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión”. Con estas ou similares palabras vén salientando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a decisión de Fomento de asumir en solitario a gratuidade das peaxes de Rande e A Barcala da AP-9 que ata o de agora pagaba a medias a Xunta. Un aforro que a Xunta presenta como logro que compensaría o veto do Goberno central a sequera debater a transferencia a Galicia da xestión da autoestrada que pide o Parlamento de xeito unánime. E unha cifra que evidencia que o Goberno galego veu consignando durante unha década uns 200 millóns menos do necesario para asumir ese compromiso ata 2048 malia as reiteradas advertencias ao respecto do Consello de Contas.

Feijóo vén gabándose de aforrar ás contas públicas “400 millóns” que antes cifraba en 180

Foi en 2006 cando os gobernos galego e central, en mans respectivamente do bipartito de PSdeG e BNG e do PSOE, decidiron asumir con cargo aos seus orzamentos o pagamento á concesionaria Audasa da peaxe de todos os vehículos que usasen a AP-9 entre O Morrazo e Vigo (pola ponte de Rande) e entre A Barcala e A Coruña. Acordaron pagar a medias unha contía que no primeiro ano completo en vigor da medida, en 2007, ascendeu para a Xunta a 4,67 millóns de euros. A cifra do que Galicia veu achegando cada ano para pagar esas peaxes foi aumentando a medida que aumentaron tamén os condutores que se aproveitaron desa gratuidade para o usuario ata superar os 6,3 millóns de euros en 2014, o último exercicio revisado polo Consello de Contas, a entidade que fiscaliza o gasto público galego.

Porén, segundo vén advertindo de xeito reiterado cada ano Contas desde o seu informe correspondente a 2008, a Xunta fixo en todos e cada un destes anos unha “estimación insuficiente dos compromisos coa sociedade Audasa pola supresión da peaxe, xa que o tráfico real está a superar as previsións realizadas”. Malia esas advertencias reiteradas, o Goberno galego seguiu durante todo este tempo a orzamentar esa partida por baixo do necesario ata sumar uns 6,7 millóns de euros de menos entre 2007 e 2014, segundo detallou Contas.

O Consello de Contas vén reprochando desde 2008 ao Goberno galego unha infradotación que este non asumiu ata que Fomento decidiu asumir en solitario o pagamento desas peaxes en sombra que antes pagaba a medias

Durante estes anos, ao tempo que ía dando conta de canto se quedara curta a Xunta ao orzamentar cada pagamento anual, o ente fiscalizador tamén veu rexistrando o monto total que faltaba por pagar a Audasa ata 2048. Se a finais de 2014 o Consello de Contas identificaba como comprometidos para o pagamento das peaxes da AP-9 ata 2048 un total de 186,30 millóns, un ano máis tarde, a finais de 2015, a contía comprometida baixaba a 180,26 millóns. O propio Goberno galego, nos orzamentos autonómicos de 2015, os últimos nos que identificou a consignación plurianual para esa partida, reflectiu unha contía prevista entre 2018 e o remate do compromiso de 169 millóns. Porén, agora o propio Feijóo di que o que aforrará a Xunta nestas próximas tres décadas serán “400 millóns”, co que evidencia a envergadura da disparidade entre as previsións do Goberno galego e a realidade que viña sinalando o Consello de Contas.

Última consignación plurianual da Xunta para os pagamentos a Audasa polas peaxes de Rande e A Barcala

Este diario pregunto ao Goberno galego se o presidente Feijóo está a esaxerar ese suposto aforro de 400 millóns se ata o de agora a Xunta consignaba para eses pagamentos a Audasa menos de 200 millóns. Fontes oficiais negan que sexa unha esaxeración e admiten que as previsións orzamentarias da Xunta viñan sendo inferiores ao que realmente había que pagar a Audasa, pero evitan entrar na cuestión de por que durante unha década non se fixo caso ao Consello de Contas e se adecuaron as previsións á realidade. A Xunta sinala que o incremento da previsión a gastar ata os 400 millóns que agora presenta como aforro débese a unha auditoría realizada ao respecto polo Ministerio de Fomento, non desvelada, e xustifica que o presidente Feijóo remítese a ese novo dato, 200 millóns de euros superior ao previsto ata o de agora, porque así llo trasladou o propio ministro, Íñigo de la Serna.

Fomento recorta agora os pagamentos polo "enriquecemento inxusto" de Audasa

O pasado xullo Fomento argumentou que o sistema de cálculo da compensación á concesionaria viña supondo “un certo enriquecemento inxusto” de Audasa e decidiu recalcular á baixa esa contía

Unha nova previsión de Fomento que aumentaría as contías a pagar polas dúas Administracións a Audasa que non casa co argumento explicitado o pasado xullo polo propio ministerio para rebaixar precisamente eses pagamentos futuros que agora asumirá en solitario. A decisión de Fomento de asumir en solitario a totalidade dos pagamentos que antes realizaba a medias coa Xunta produciuse ao tempo que o ministerio decidiu de xeito unilateral rebaixar a contía a aboar a partir de agora a Audasa cada ano. Fíxoo a través dun decreto publicado no Boletín Oficial del Estado en xullo no que argumentou que o sistema de cálculo desa compensación á concesionaria viña supondo “un certo enriquecemento inxusto” de Audasa, e decidiu recalcular á baixa esa contía.

Agora fomento terá en conta á hora de pagar a Audasa polos tráficos de Rande e A Barcala o incremento xeral de tráfico experimentado en toda a autoestrada pero non o incremento moito maior rexistrado xusto neses treitos polo feito de estar liberados de peaxe

Co novo sistema de cálculo deses pagamentos, Fomento agora terá en conta á hora de pagar a Audasa polos tráficos de Rande e A Barcala o incremento xeral de tráfico experimentado en toda a autoestrada, pero non o incremento moito maior rexistrado xusto neses treitos polo feito de estar liberados de peaxe, como viña facendo ata o de agora. Ao tempo que teima en vetar o traspaso da AP-9 a Galicia esgrimindo un cálculo económico falso do que habería que indemnizar a Audasa no caso dun hipotético rescate, o ministerio non fixo público aínda canto será agora o monto total anual que pagará el en solitario a Audasa polas peaxes de Rande e A Barcala. Pero si admitiu xa, naquel decreto de xullo, que “os novos importes de compensación calculados [co novo sistema] son inferiores aos compromisos de gasto autorizados [en 2006], o cal permite e motiva que a Administración Xeral do Estado asuma por completo o financiamento”. Isto é, aínda que a Xunta seguise a pagar a metade do custo das peaxes de Rande e A Barcala, o monto total deste vai ser inferior ao previsto anteriormente e en ningún caso a Xunta tería que seguir gastando 400 millóns, como vén dicindo o presidente Feijóo.

Último informe dispoñible do Consello de Contas, de 2015, no que reitera que os compromisos consignados son insuficientes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.