0 Gardados para despois

Anova acusa a Unidos Podemos de ignorar os seus membros no grupo de En Marea no Congreso

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


A parte galega de Unidos Podemos no Congreso que configuran os deputados de Anova móstrase descontenta co funcionamento do Grupo Parlamentario que lidera Pablo Iglesias. Ese malestar foi trasladado á dirección do grupo parlamentario nunha carta moi crítica coa decisión de impulsar a reforma da Lei Electoral da man de Ciudadanos. Anova, con dous deputados na disciplina de Iglesias, asegura que ninguén lles consultou unha proposta que beneficia os intereses de Rivera e "non axudará a consolidar os gobernos rebeldes nas cidades galegas".

Na misiva, que recolle a posición da Permanente de Anova, asegúrase que "o actual portavoz de En Marea, Miguel Anxo Fernán-Vello, non foi convocado á reunión da dirección do grupo parlamentario" que deu forma á proposta de reforma electoral.

"Estas actuacións -reza o escrito- non se corresponden coa dinámica propia dun grupo confederal que, democraticamente, debe basearse en tomas de decisións adoptadas entre iguais, con transparencia e consultando a todas as partes"

Anova non acepta a iniciativa de reforma adoptada e critica "a decisión de privilexiar" o acordo con Ciudadanos. A decisión, aseguran "contribúe a proxectar un partido (C's) que non conseguiu representación no Parlamento Galego, que está radicalmente en contra do autogoberno e que ataca ferozmente a nosa lingua e cultura". Segundo o escrito, Ciudadanos "pode verse beneficiado no horizonte das eleccións municipais de 2019, algo que non axudará a consolidar os gobernos rebeldes nas cidades galegas".

O grupo de En Marea no Congreso está formado por cinco deputados, dous de Anova, dous de Podemos, e unha representante de EU. O tres formacións decidiron unir as súas forzas para concorrer en coalición ás xerais do 26 de xuño do pasado ano. A portavocía de En Marea é rotatoria e na actualidade osténtaa o deputado Miguel Anxo Fernán-Vello, vinculado a Xosé Manuel Beiras.

Anova lamenta que non se contase co actual voceiro de En Marea no Congreso para apostar coa reforma electoral da man de Ciudadanos, un grupo "radicalmente en contra do autogoberno" galego e que "ataca ferozmente a nosa lingua e cultura"

A carta foi enviada ao secretario xeral do Grupo Confederal de Unidos Podemos, Txema Guijarro e ao cinco deputados que forman parte de En Marea no Congreso. Ninguén desde a dirección do grupo parlamentario cursou resposta. Como denuncia no seu escrito, Anova carece de presenza na dirección do grupo de UP, a pesar de que a portavocía rotatoria de En Marea pertence agora a un dos deputados das súas siglas.

A dirección do grupo parlamentario de Unidos Podemos non quixo facer valoracións sobre o escrito remitido polos seus compañeiros galegos. Un portavoz oficial, en conversación con eldiario.es, limitouse a afirmar: "Non temos nada que dicir".

Na mesma liña, os deputados de En Marea máis próximos a Iglesias tampouco quixeron valorar o contido do texto redactado pola dirección de Anova, partido que acolle a dous dos seus compañeiros nos escanos do Congreso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.