A Coruña e Santiago rexeitan o plan estatal de vivenda e piden máis axudas ao alugueiro e rehabilitacións

DOCUMENTO | Manifesto de sete cidades contra o plan de vivenda estatal CC-BY-SA Praza Pública

Os concellos da Coruña e Santiago veñen de divulgar este mércores un manifesto asinado coas cidades de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia e Cádiz, todas elas gobernadas por mareas municipalistas, no que amosan o seu rexeitamento ao novo plan estatal de vivenda que o Goberno central prevé aprobar este venres. No documento as sete cidades reclaman un incremento do orzamento na materia dos 467 millóns de euros actuais a 2.000 millóns para converxer cos países europeos que son referentes en materia de acceso á vivenda.

Xunto coas cidades de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia e Cadiz asinan un manifesto no que piden que o orzamento aumente dos 467 millóns actuais a 2.000 para converxer con Europa

O manifesto sinala que “España só ten o 2,5 % de vivenda asequible (inclúe vivendas de protección oficial pero tamén rendas antigas), un parque insuficiente para cubrir as necesidades da cidadanía, mentres que en Austria teñen o 24% de parque público de protección e o Reino Unido ou Francia arredor do 17%”. Para reverter esa situación, ademais de medidas económicas, o manifesto reclama medidas legais para “impedir a especulación coa vivenda pública de compra”, que as axudas á rehabilitación primen o pequeno propietario, penalizar fiscalmente a compra de vivendas habitual por parte de persoas ou entidades estranxeiras non residentes ou eliminar a posibilidade de obter o permiso de residencia a cambio da compra de pisos de 500.000 euros por parte de persoas estranxeiras.

Segundo salientou este mércores o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, durante unha visita á Oficina Municipal de Rehabilitación e Vivenda, as políticas nesa materia sufriron un recorte dun 70% por parte do Goberno central nos últimos anos. Ferreiro pediu “non beneficiar políticas que incrementan a burbulla inmobiliaria”. Pola súa banda, o concelleiro de Vivenda de Santiago, Jorge Duarte, salientou que “non podemos volver caer no erro de subvencionar a compra de vivendas, como se fixo durante o bum inmobiliario previo á crise económica”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitando a oficina municipal de rehabilitación Dominio Público Concello da Coruña
O concelleiro de Vivenda de Santiago, Jorge Duarte Dominio Público Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.