A solución do BNG ao problema de onde se atoparían dous trens que saian de Ferrol e Ribadeo

Estación de Feve de Ribadeo, inicio da viaxe de Olalla Rodil Dominio Público @orodil

Os deputados autonómicos do BNG Mini Rivas e Olalla Rodil quixeron experimentar este domingo en persoa o vello problema escolar que pregunta onde se atoparían dous trens que saísen de extremos opostos dunha liña ferroviaria. Tras denunciar a pasada semana as dificultades para viaxar en tren entre Lugo e Santiago, os nacionalistas subiron este domingo á liña de Feve que une Ferrol e Ribadeo, cada un en sentido contrario ao outro. Fixérono para acabar reclamando en Viveiro, onde se atoparon os trens do problema, a mellora dun servizo que consideran que está a ser abandonado de xeito “deliberado” polos seus responsables.

Os deputados Mini Rivas e Olalla Rodil viaxaron este domingo no Feve en convois en sentidos contrarios para reclamar unha mellora do servizo

O Feve, que nas proximidades de Ferrol funciona na práctica como un servizo de cercanías, ten cada día catro viaxes en cada sentido entre esa cidade e Ribadeo, máis que boa parte das liñas ferroviarias que comunican o interior de Galicia. Porén, o mal estado de conservación da infraestrutura fai que sexan habituais as demoras, que impiden á cidadanía que podería beneficiarse do servizo poder fiarse da súa puntualidade.

A viaxe de denuncia deste domingo, da que tamén foi dando conta con vídeos en Twitter o concelleiro do BNG en Cabanas Iago Varela, comezouna Mini Rivas en Ferrol subindo ao tren ás 10.45 horas da mañá para chegar dúas horas máis tarde a Viveiro, ao mesmo tempo que Olalla Rodil, que subira ao Feve en sentido contrario en Ribadeo ás 11.34 horas, unha hora e dez minutos antes. Porque tres horas é o que tarda en total a viaxe entre Ferrol e Ribadeo, cun sinuoso percorrido condicionado pola complexa orografía da zona, que por estrada se pode facer en pouco máis dunha hora e cuarto.

Acto do BNG en Viveiro, a onde chegaron tanto Olalla Rodil como Mini Rivas, que saíra de Ferrol Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.