0 Gardados para despois

O Goberno central eloxia as achegas do militar golpista Salvador Moreno a Marín e Pontevedra

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Centro de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria “Salvador Moreno”, situado en Pontevedra, seguirá levando o nome deste militar golpista. O Goberno central deu resposta a unha pregunta formulada por escrito por En Marea no Congreso, no que a formación esixía o cambio na denominación deste centro, en aplicación da Lei de Memoria Histórica. O Executivo non só rexeita o cambio de nome, senón que enxalza a figura deste ex-ministro franquista, subliñando "a achega" que Moreno "realizou á Armada en xeral e ao ensino en particular".

"Ese legado e servizo á Armada e á sociedade é o que foi tido en conta para darlle nome ao devandito centro, sen que de ningún xeito supoña iso ningunha forma de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, nin da represión da Ditadura", conclúe o Goberno

A resposta escrita engade os beneficios que Moreno trouxo a Marín e Pontevedra, a través da instalación da Escola Militar na localidade marinense, "unha decisión que contou coa implicación directa e persoal do almirante Salvador Moreno Fernández, ministro de Mariña da época", sinalando que "a súa construción supuxo un grande impulso social e económico para a localidade de Marín e, parcialmente, para Pontevedra, xa que levou consigo a construción de barriadas para o persoal civil e militar, un hospital para a atención das familias e o propio centro de ensino". 

"Ese legado e servizo á Armada e á sociedade é o que foi tido en conta para darlle nome ao devandito centro, sen que de ningún xeito supoña iso ningunha forma de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, nin da represión da Ditadura", conclúe o Goberno, que afirma que a homenaxe ao militar franquista está "amparada" pola Lei de Memoria Histórica, pois "trátase dun recordo da súa persoa, sen exaltación dos enfrontados".

Salvador Moreno participou dende o 18 de xullo de 1936 na sublevación militar contra o goberno democrático. Dirixiu a rebelión no Arsenal de Ferrol, apoderándose do cruceiro Almirante Cervera, que nas semanas seguintes utilizou para bombardear Xixón. Xa en 1937, comandou o Canarias, que bombardeou a poboación civil que fuxía de Malaga en dirección a Granada (no coñecido como a desbandá), provocando entre 3.000 e 5.000 mortes. En 1939 foi proclamado Ministro de Mariña, cargo que desempeñou en dúas etapas (1939-45 e 1951-57). En 2008 foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputados pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade cometidos durante a guerra civil e a Ditadura.

Rajoy defendeu publicamente a memoria de Moreno o pasado mes de decembro, criticando que hai 15 anos o Concello de Pontevedra decidira eliminar a rúa Almirante Salvador Moreno, que pasou a denominarse Rosalía de Castro

A pesar deste currículo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, defendeu publicamente a memoria de Moreno o pasado mes de decembro, criticando que hai 15 anos o Concello de Pontevedra decidira eliminar a rúa Almirante Salvador Moreno, que pasou a denominarse Rosalía de Castro. En 2002 no pleno municipal de Pontevedra o PP votou en contra do cambio de nome desta e doutras catro rúas que homenaxeaban a distintos persoeiros da ditadura. A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, critica que o Goberno "siga incumprindo gravemente a Lei de Memoria Histórica, permitindo que un colexio leve o nome de Moreno", e pregunta “cando ten previsto o Goberno deixar de desobedecer esa norma e comezar a cumprila”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.