En Marea ultima o seu plenario coa relación coas mareas municipais no centro do debate

Mitin de En Marea na campaña das eleccións galegas CC-BY-SA En Marea

As eleccións municipais son o principal reto que todas as formacións políticas do país teñen por diante. No caso de En Marea, os comicios locais de 2019 serán os primeiros nos que as mareas municipais nadas en 2015 convivan coas estruturas creadas posteriormente a outros niveis, dende a coalición coa que as formacións que a apoian concorreron ás dúas eleccións xerais ata as xurdidas do partido instrumental posto en marcha para as eleccións galegas de 2016. Este será o principal dos debates do plenario -asemblea- ao que están convocadas as persoas inscritas en En Marea este 17 de marzo.

Aínda que serán seis os documentos a debate, o relativo ás eleccións municipais, admiten dende a coordinadora da formación, "será o tema central". Neste sentido, o responsable de coordinación, Gonzalo Rodríguez, aseguraba este xoves en rolda de prensa que as teses que estarán sobre a mesa do plenario teñen como única intención "traballar en común" co ámbito local. E sempre, asegura, "dende a máxima independencia dos movementos municipais" cara aos que a coordinadora, asegura, garante "respecto, diálogo e colaboración". 

Ante a previsible ausencia no conclave dos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, afirma que no seo da coordinadora "estaríamos encantados de que tanto eles como outros alcaldes e concelleiros veñan ao plenario e axuden a construír", se ben, resalta, este "é un espazo político de adscrición individual", polo que non existen "pesos preferentes" das posturas políticas duns cargos sobre outros. "Non é unha cuestión de preeminencia", afirma.

A coordinadora asegura que o documento a debate sobre as eleccións municipais pretende poñer En Marea "á disposición" das mareas locais sen "mingua de autonomía"

Neste sentido, Seijas pon o foco en que a redacción final dos textos foi "construída" a partir das emendas recibidas, entre elas as formuladas por "un grupo de Compostela Aberta" que introducía matices no xeito de coordinar a estrutura de En Marea coas mareas municipais. En calquera caso, resalta, sexa cal sexa a redacción aprobada no plenario, non existirá "ningunha mingua da autonomía" dos espazos locais, dos que a coordinadora está "á disposición" para "erradicar as políticas regresoras da dereita", agrega Rodríguez. Entre os asuntos a tratar figura o xeito en que estas candidaturas poderían, eventualmente, sumar entre diferentes concellos para accederen máis facilmente ás deputacións provinciais.

Alén das eleccións municipais, o outro principal foco do debate político do plenario será, previsiblemente, o relativo ao documento 'En Marea e o seu grupo parlamentar nas Cortes do Estado'. O espírito deste texto, afirma o responsable de coordinación, é "perfeccionar" o xeito en que a representación no Congreso e no Senado, elixida pola vía da coalición, pode "cooperar" coa esturtura galega. "Valoramos" que cómpre "incrementar" o "proceso de traballo en común", mantén.

Os debates do plenario, que desta volta non inclúe aspectos orgánicos a respecto da coordinadora ou da portavocía que exerce Luís Villares, complétanse, en clave interna, coa abordaxe do regulamento para constituír mareas sectoriais e o do propio plenario. Ademais, a formación abordará dous documentos políticos, un sobre infraestruturas e outro, centrado no devalo demográfico.

Gonzalo Rodríguez e Ana Seijas presentan o plenario en rolda de prensa CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.