Os concellos reclaman mellor financiamento na posta en marcha da Axenda Urbana do Eixo Atlántico

Ferreiro, Colau e Vázquez Mao, entre outros, na Coruña © Concello da Coruña

Máis, mellor financiamento e un novo mecanismo para levalo a cabo. Esa foi a reivindicación que fixeron varios alcaldes e alcaldesas, entre eles o da Coruña e a de Barcelona, este xoves na urbe coruñesa durante o foro organizado polo Eixo Atlántico sobre os retos das cidades no seu deseño futuro. Xa antes de participar no debate con outros rexedores, Ada Colau e Xulio Ferreiro lembraron que os municipios son "a primeira trincheira" dos servizos que se prestan á cidadanía, cando son tamén os peor financiados, e cando mesmo asumen competencias que non son directamente súas. Ademais, ambos insistiron tamén na necesidade dunhas administracións locais "sustentables" no económico, no social e no medioambiental como clave para mellorar a calidade de vida da cidadanía "e non caer en erros do pasado". 

Ferreiro e Colau reclaman máis e mellor financiamento para as cidades e un desenvolvemento "sustentable" 

No debate sobre As novas políticas urbanas, tanto Ferreiro como Colau criticaron a regra de gasto imposta aos concellos polo Estado. O rexedor coruñés cualificouna de "incomprensible" e lembrou que mentres o Goberno central "incumpre ano tras ano os límites de débeda, aos municipios pónsenos un corsé". "O ministro de Facenda debería lembrar que aos alcaldes tamén os elixen os cidadáns, polo que iso de dicirnos, aínda por riba, onde e onde non podemos gastar... Tutelas, as xustas", queixouse, logo de debater sobre a responsabilidade das administracións locais na crise. 

Nese aspecto, todos os representantes municipais insistiron en que "foron máis ben vítimas", como destacou Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp, ou que os municipios "acabaram por assumir responsabilidades que não eram deles" para paliar os graves efectos da recesión, tal e como dixo o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Río. Así, Ada Colau advertiu de que foron as políticas estatais, "coa liberalización do solo ou do mecado do aluguer", ou co seu modelo económico as principais responsables da crise. Mentres, Ferreiro quixo ir máis aló ao lembrar que "tamén houbo quen meteu a man na caixa por riba das posibilidades" e que o esfarelado sistema económico que levou milleiros á miseria "non tería sido posible sen as alianzas, tamén nos concellos, das oligarquías e os políticos locais"

Os rexedores do Barco, Braga, Guimarães, A Coruña ou Barcelona coinciden en situar os concellos como "a primeira trincheira" dos servizos á cidadanía

Respecto da política social, o rexedor de Braga insistiu en que foron os concellos "os primeiros em substituir o Estado" neste ámbito coa chegada da crise, o que levou a Alfredo García a instar a abrir o debate sobre "as competencias municipais" e a necesidade, non só de determinalas, senón de proporcionar "un financiamente axeitado" ás administracións locais para levalas a cabo. 

Todos os rexedores coincidiron na "cohesión social" como o obxectivo principal das cidades, pero advertindo do "infrafinanciamento" dos concellos, mesmo asumindo competencias impropias "e levando-as a cabo de maneira melhor e mais barata", tal e como destacou a vicepresidenta da Câmara Municipal de Guimarães, Adelina Paula Mendes. 

"A cidade de Barcelona é a urbe do Estado que máis aumentou o gasto social nos últimos anos, e aínda así é insuficiente; non podemos substituír a Administración central e a Generalitat cando tempos moitos menos recursos", advertiu Ada Colau, que ue se manifestou na mesma liña que Xulio Ferreiro. "Na Coruña, o 20% do orzamento está destinado a políticas sociais e non é dabondo cando cada vez hai máis desigualdade", dixo, á vez que apostou por "modelos económicos sustentables" pero advertiu de salarios que "non lle dan para vivir á cidadanía". "É hora de empezar a falar dunha renda universal, de asegurar unha renda mínima para todas as persoas", finalizou, antes de lembrar que a renda social municipal instaurada no municipio coruñés "foi un primeiro paso pero non insuficiente". 

O debate, dirixido polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, contou tamén coa presenza do alcalde de Plasencia, Fernando Pizarro e era unha das actividades de Axenda Urbana: Foro de Plan de Acción, que comezou a primeira hora da mañá coa intervención de Andoni Aldekoa, experto da Axenda Urbana, e que seguía con ouras intervencións sobre os procesos participativos nas cidades ou os propósitos nas novas urbes de cara ao futuro. 

 

Xulio Ferreiro, no foro do Eixo Atlántico © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.