Leiceaga: “Hai que promover o seguro forestal contra os incendios igual que os seguros agrarios”

Xoaquín Fernández Leiceaga durante a súa intervención no cuarto dos faladoiros do Instituto de Estudos Miñoráns Dominio Público IEM

Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentario do PSdeG, foi o pasado venres o último dos participantes nos faladoiros cos catro grupos parlamentarios sobre a nova lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais e a ordenación dos montes en xeral que organizou o Instituto de Estudos Miñoráns. Praza Pública colaborou moderando as intervencións dos asistentes e formulando preguntas aos participantes, cuxas respostas sintetizamos na semana seguinte a cada faladoiro en pezas informativas acompañadas de extractos audiovisuais.

A Xunta vai impulsar un novo Plan Forestal. O actual, para o período 1992-2032, non se está a cumprir, segundo di o Consello de Contas. É necesario un novo plan ou bastaría con cumprir o actual?

Primeiro un matiz. Na comisión creada no Parlamento non estamos a debater sobre o novo plan. Hai unha resistencia do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, que non quere que haxa unha participación do Parlamento a pesar de que hai un compromiso do propio Feijóo de que se faga así. Eu creo que si se necesita un novo plan, porque acabamos un ciclo e temos que abrir outro novo. Neste tempo perdeu moita densidade a poboación vinculada ao medio rural e hai moitas máis terras abandonas. Temos que mobilizalas, sexa en sentido produtivo, de protección ou combinando ambas cousas. Defendo un monte polifuncional, temos que xerar valor engadido e isto non pode ser só madeira. Temos moi pouca produción de cogomelos ou trufas. E hoxe ademais temos requirimentos da bioeconomía, a cuestión da captación de carbono. E, en relación cos incendios, nestes 25 ou 30 anos as casas chegaron ao monte e o monte chegou ás casas. Todo isto non estaba no anterior plan forestal e temos que abordalo cunha mirada nova.

"Temos que pensar moi ben como afrontamos a apetencia de eucaliptos que hai no noso mundo rural pola rendibilidade que teñen"

O abandono do rural está a ser aproveitado para a súa eucaliptización?

A lei impide a forestación de terras agrarias, pero moitas das normas que son correctas na práctica non se cumpren. E ás veces non se cumpren porque non se poden cumprir, e iso tamén temos que afrontalo. Como limpamos todas as franxas arredor de todos os núcleos de poboación? Necesitamos terras agrarias para que a gandaría e a agricultura sexan sostibles, e niso ten que xogar un papel moito máis importante que ata o de agora o Banco de Terras, que o desactivaron, privándoo de persoal e medios. Canto ao eucalipto, expándese porque o desexan os propietarios de terras, porque ten unha taxa de rendemento que pode chegar ao 12%. Cando pedimos que non se planten eucaliptos, temos que dicir en que fincas se poden plantar e en cales non, hai que ter fortaleza de decisión porque senón os propietarios de terras van seguir plantando eucaliptos porque é o máis rendible. Non pode haber un euro de diñeiro público para favorecer ese tipo de plantacións. E temos que ir a instrumentos de ordenación que fragmenten as plantacións, que impidan que haxa masas uniformes que faciliten a propagación de grandes incendios. En Galicia temos espazo para que creza case todo, o monte é unha oportunidade para Galicia. Pero por riba de todo temos que pensar moi ben como afrontamos esa apetencia de eucaliptos que temos no noso mundo rural.

"A Xunta non quere ter un inventario forestal, vai facer facer un Plan Forestal sen saber canto eucalipto hai xa"

Pon en dúbida a capacidade de facer cumprir as normas existentes. Ten persoal suficiente a Administración para facelo?

Defendo un modelo de administración no que esta se concentre nas cuestións importantes, e as faga, e deixe de facer moitas cousas que non teñen moito sentido. A cantidade de xente que a Xunta ten nos distritos forestais sería suficiente. É un problema máis de vontade que de medios. Hoxe hai suficientes medios técnicos como para que poida haber un control bastante exhaustivo do que se fai no territorio. Hai unha proposta dun inventario forestal de todo o que pasa no monte e o custo que tería para toda Galicia sería de 500.000 euros anuais. Pódese facer. Pero a Xunta non quere ter un inventario forestal. Non sabemos canto eucalipto hai, só de xeito intuitivo. Van facer un plan forestal sen ter os datos de base.

Toda esta planificación está a ter en conta o cambio climático?

Xa non é que poida chover menos, é que temos que acostumarnos a unha maior variabilidade do réxime de precipitacións. Mereceriamos ter unha estratexia de cambio climático xa operativa, pero a Xunta aínda a está empezando. Hai que limitar determinadas especies en áreas sensibles, igual que non poden plantarse en rede natura ou non deben poder plantarse nas inmediacións de onde se capte auga para as traídas. Ata agora a vontade que existe na Xunta é a de “non nos metamos niso”, de aprobar algo que poida contentar ao electorado urbano e ao tempo non facer nada que poida molestar ao electorado que está sobre o territorio. Hai moitas cousas sobre o papel pero non se traducen á realidade. O que propoño é que nos concentremos no fundamental e iso o fagamos, e traspasemos a outros o que non teña tanto valor engadido.

Hai unha visión estratéxica global do territorio que teña en conta a relación dos espazos forestais cos protexidos ou cos urbanizados?

Hai uns meses o director xeral dicía que o problema era que os plans e as normas non se cumpren. Non pode ser que iso o diga o responsable forestal da Xunta nos últimos 25 anos. Hai que pasar dos plans moi bonitos a intervir sobre os comportamentos, modificalos. Temos unha proporción moi baixa de Rede Natura, teriamos que facer novos parques e ordenar o resto como un territorio vivo no que se poida producir e vivir. E nas zonas protexidas hai que implicar á poboación para que iso sexa sostible, que teñan respaldo social e que se compense a aquelas persoas ás que lles limitas os seus dereitos sobre a súa propiedade.

"As comunidades de montes teñen problemas para captar financiamento e aplicalo de maneira eficaz"

Por sorte ou por desgraza, vostede é o último dos catro portavoces en participar nestes faladoiros e pode opinar sobre o que dixeron os seus predecesores. Luís Villares propuxo a posibilidade de que fronte á propiedade pública ou a privada colectiva, que é a que rexe actualmente os montes en man común, poida crearse un novo tipo de propiedade veciñal con características específicas. Que opina?

Non o vexo, entre outras cousas porque as comunidades de montes se teñen unha defensa da súa especificidade é porque está moi asentado o seu carácter de propiedade privada colectiva. Si creo que necesitamos que as comunidades de montes teñan unha capacidade de intervención máis áxil. O problema é que teñen moitas dificultades para tomar decisións e para captar financiamento e aplicalo de maneira eficaz.

Nesa liña, José González, portavoz do PP, propuxo a posibilidade de avanzar cara a unha fiscalidade específica nas comunidades de montes que anime o seu traballo.

Xa teñen algunha vantaxe fiscal, pero ademais das comunidades teriamos que pensar iso tamén para as figuras das comunidades de propietarios. Hoxe a renda do monte tributa por IRPF a nivel individual, e se se trata de empresas ou comunidades temos primeiro unha tributación en sociedades e despois por IRPF unha vez que os beneficios chegan aos comuneiros ou aos propietarios das empresas. Trataríase de igualar o tratamento fiscal de ambas e iso pode ser unha vía interesante. Tamén hai que fomentar a chegada de capital externo ás actividades forestais, e unha fiscalidade axustada aos prazos de maduración deste tipo de investimentos podería ter algún efecto positivo.

"Temos que ir reducindo progresivamente o que dedicamos a extinción, pero non creo que esteamos en condicións a curto prazo de facer que iso recaia só nos propietarios porque sería imposible"

Ana Pontón propuxo o que denominou fiscalidade verde, que os beneficios do monte contribúan a pagar o que nos custa o dispositivo de extinción do lume.

A venda de madeira supón cada ano en Galicia uns 180 ou 200 millóns de euros e o custo da loita contra o lume é duns 100 millóns. Se lle aplicamos a esas rendas o custo da extinción matamos o investimento no monte. Pero hai outro tipo de modelos. Temos as casas aseguradas, e malia que temos bombeiros, se se incendian as nosas casas págaas o seguro. Tiñamos que promover de forma moi agresiva o seguro forestal igual que debiamos promover os seguros agrarios, como de feito hai partidas nos orzamentos do Estado e da Xunta. Que haxa unha contribución maior dos propietarios ao esforzo que está facendo toda a sociedade e que en boa medida lles repercute a eles directamente. Temos que ir reducindo progresivamente o que dedicamos a extinción, pero non creo que esteamos en condicións a curto prazo de facer que iso recaia só nos propietarios porque sería imposible. Si que hai que obrigar aos propietarios a que limpen os perímetros dos núcleos de poboación.

Público asistente ao cuarto dos faladoiros do IEM, con Xoaquín Fernández Leiceaga Dominio Público IEM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.