60.000 euros para un diagnosticado de sida por erro que acabou repudiado pola familia e na cadea

Hospital concertado Povisa, en Vigo Dominio Público Povisa

Repudiado pola súa familia e coa perspectiva dunha morte próxima, un home que no ano 2000 foi diagnosticado de xeito erróneo de sida e hepatite entrou nunha “espiral de autodestrución” que o levou ao cárcere e a varios intentos de suicidio. Quince anos tardou o sistema sanitario galego en desmontar o erro cometido inicialmente polo hospital vigués Povisa, centro privado concertado co Sergas, que agora deberá indemnizar o afectado con 60.000 euros, segundo vén de decidir o xuíz do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Vigo nunha sentenza que relata o que o maxistrado considera un “caso particular de exclusión social”.

Povisa é condenada a indemnizar un home por “un claro erro de diagnóstico, mantido durante quince anos” nunha sentenza que eleva o caso a exemplo de “exclusión social” pola enfermidade

O home vítima do erro médico ou administrativo tiña 32 anos cando, en febreiro de 2000, entrou en urxencias de Povisa cunha ferida na perna dereita tras unha caída accidental na vía pública. No informe de alta do servizo de Traumatoloxía do hospital emitido ao día seguinte fíxose constar esa ferida, pero no apartado de “outros diagnósticos” indicouse a existencia de VIH e hepatite B e C, referencias que se mantiveron en informes posteriores da súa historia clínica, segundo relata a sentenza agora ditada. Esa situación persistiu ata que quince anos despois, en setembro de 2015, un informe do Servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Pontevedra, á que nese momento estaba adscrito o home polo seu internamento no cárcere da Lama, indicou que os datos que aparecían no sistema informático entre 2005 e 2015 “constatan o resultado negativo das análises” de VIH ou hepatite.

Para o xuíz é “un caso particular de exclusión social, caracterizada por dificultade na continuidade laboral, ausencia o insuficiencia de apoios familiares ou comunitarios, marxinación social e, desde logo, falta de sensibilización”

A Xunta, indica a sentenza, recoñeceu de xeito expreso “un claro erro de diagnóstico, mantido durante quince anos” e cifrou a indemnización en 19.172,54 euros, que debería pagar Povisa, asimilando a situación producida á dunha incapacidade permanente parcial. Porén, o afectado recorreu ante a xustiza e reclamou unha indemnización de 400.000 euros.

Ese recurso é o que agora resolve o xuíz a favor do afectado deixando a indemnización en 60.000 euros e facendo un relato do que considera “un caso particular de exclusión social, caracterizada por dificultade na continuidade laboral, ausencia o insuficiencia de apoios familiares ou comunitarios, marxinación social e, desde logo, falta de sensibilización da poboación en xeral fronte á problemática relacionada co VIH ou a hepatite asociada ao virus”.

A sentenza relata como, tras coñecer a súa muller o diagnóstico, “desencadeouse un escenario de mutuas acusacións acerca da orixe do contaxio que terminou en ruptura matrimonial e nunha espiral de autodestrución” con “tres intentos” de suicidio. O afectado “deixou de ver á súa filla”, que daquela tiña dez anos, “polo temor a que fose contaxiada”. “Esa relación aínda non está normalizada na actualidade”, di a sentenza, que engade que “actualmente, ten un neto ao que apenas coñece”. “Tamén perdeu a relación cos seus irmáns e cos fillos destes, pois tratábase de evitar calquera contacto. En realidade, toda a familia sufriu o estigma da enfermidade, incluída a nena”, relata o xuíz.

“A equivocación dilatouse innecesaria e dolorosamente no tempo, por canto os servizos sanitarios puideron comprobar en diversos momentos (analíticas de 2005, 2007, 2012 e 2014) que os resultados da seroloxía eran negativos”

Esa situación, di a sentenza, fixo que o afectado recaese no consumo de heroína, elemento este rexistrado na súa historia clínica en 1995 e que segundo relata o xuíz foi empregado polas partes agora demandadas para tratar de “minimizar o impacto que a noticia [do seu positivo] puido provocar” no afectado. Pola contra, o xuíz argumenta que o anterior consumo de heroína foi precisamente o que fixo “máis crible para el que cinco anos despois se lle detectase portador” de VIH e hepatite B e C. A sentenza relata como a recaída no consumo tras o diagnóstico, “unido ao que el cría unha curta esperanza de vida, fixo que comezase unha espiral delitiva que o levou a ingresar en prisión no ano 2002” onde, sumido “nunha forte depresión”, se lle aplicou en varias ocasións o protocolo para previr o suicidio.

O xuíz di na súa sentenza que non hai dúbida da responsabilidade de Povisa na anotación errada do VIH e a hepatite B na historia clínica do afectado e engade que “a equivocación dilatouse innecesaria e dolorosamente no tempo, por canto os servizos sanitarios puideron comprobar en diversos momentos (analíticas de 2005, 2007, 2012 e 2014) que os resultados da seroloxía eran negativos, e aínda así nin se corrixiu documentalmente nin se comunicou ao interesado”. A sentenza, que condena a Povisa a indemnizar o afectado con 60.000 euros, non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Fragmento da sentenza que obriga a Povisa a indemnizar un home diagnosticado de sida de xeito erróneo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.