Feijóo entrega ao Rei emérito o título de Embaixador do Camiño que concedeu a Rajoy hai tres anos e este aínda non recibiu

Feijóo entrega este venres ao Rei emérito o título de Embaixador do Camiño Dominio Público Casa Real

O Rei emérito Xoán Carlos I recibiu este venres en Santiago o título de Embaixador do Camiño de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O monarca é o cuarto galardoado con esa distinción creada en 2013 polo Goberno galego, que lla outorgou tamén ao seu fillo Felipe, o ex-seleccionador español Vicente del Bosque e a Mariano Rajoy. Porén, malia que o resto xa recolleron os seus títulos, máis de tres anos despois aínda non houbo ningún acto público de entrega a Mariano Rajoy sen que a Xunta explique o motivo. O Goberno galego tampouco aclara en que vén de gastar máis de 4.000 euros en dúas empresas de regalos e xoiería a través de dous contratos a dedo cuxo concepto xenérico é o de “título embaixador do camiño”.

A Xunta xa esgotou catro dos oito títulos que pode outorgar, todos eles con homes

O título de Embaixador do Camiño, co que o Goberno galego obviou outros recoñecementos similares xa existentes que deixou de entregar, foi creado por decreto a finais de 2013 cun límite de oito títulos, tantos como camiños oficiais hai a Santiago. Nestes catro anos o Goberno galego esgotou xa a metade deles, en todos os casos con homes, escoramento habitual noutros galardóns autonómicos, e dun xeito pouco regular no tempo. O daquela príncipe de Asturias, o agora Rei Felipe VI, foi o primeiro en recibilo, a comezos de 2014, seguido a mediados daquel ano polo seleccionador Vicente del Bosque e a finais do mesmo exercicio por Mariano Rajoy. A Xunta non volveu outorgar outro título ata que tres anos despois, a finais do ano pasado, anunciou o do Rei emérito.

Contratos por máis de 4.000 euros cuxo concepto "Título embaixador do camiño" a Xunta non aclara

O Goberno galego gasta polo recoñecemento máis de 4.000 euros en dúas empresas de regalos e xoiería pero non aclara o concepto

Todos os galardoados recibiron os seus títulos en actos públicos celebrados en Santiago menos Mariano Rajoy. Este diario preguntou polo motivo desa ausencia máis de tres anos despois pero o Goberno galego non ofrece resposta. A Xunta tampouco aclara outra pregunta que se lle formulou sobre gastos nos que incorreu para a entrega do título. Na súa web de transparencia fixo públicos hai uns días dous contratos baixo un mesmo concepto, “Título embaixador do camiño”, sen aclarar nada máis, por 3.254,90 e 786,50 euros, entregados a dedo respectivamente a unha firma de regalos e decoración e a un xoieiro. O Goberno galego non aclara a que foron en concreto destinados eses cartos.

Na súa intervención deste venres no acto de entrega ao Rei emérito, o presidente Feijóo gabou o monarca por converter “a monarquía parlamentaria nunha casa común que trae do pasado o mellor da nosa historia e que permite albiscar o futuro sen inquietude”. Unha visión que o presidente contrapuxo á “insolidariedade fomentada por nacionalismos exacerbados” que ao seu ver “volve a poñer en perigo o proxecto europeo e ameaza a propia democracia española”.

Entrega do título de Embaixador do Camiño ao daquela Príncipe de Asturias Dominio Público Xunta de Galicia
Entrega do título de Embaixador do Camiño a Vicente del Bosque Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.