A Deputación da Coruña insta o Estado a recuperar Meirás co voto unánime de todos os grupos

Pleno da Deputación da Coruña © Deputación da Coruña

Un acordo unánime e "histórico". Co voto a favor dos seis grupos que compoñen o pleno da Deputación da Coruña aprobouse este venres a moción que "dá pasos adiante" no camiño de recuperar o Pazo de Meirás para patrimonio público e que insta o Estado para que inicie accións para recuperar o inmoble que a familia de Franco, como lembra a institución provincial, ten neste momento en venda.

Todos os grupos políticos con representación no pleno da Deputación votaron a favor da moción 

Así, a Deputación dirixirase ao Estado para instalo a exercitar "as accións administrativas e xudiciais oportunas para os efectos da recuperación para o Patrimonio Público do Pazo de Meirás" e compromete para iso a súa colaboración. Esta é unha dos tres acordos da moción que foi aprobada unanimemente. 

Ademais, a Deputación comprométese a trasladar á Xunta, o Parlamento de Galicia, o Goberno do Estado, as Cortes do Estado, os grupos parlamentarios e a todas as institucións e organismos que sexan necesario o informe histórico-xuridico encargado pola propia institución e elaborado por dous equipos de investigación liderados polo historiador Emilio Grandío e o xurista Xabier Ferreira.

A moción xa fora presentada o pasado día 16 de marzo coa participación de representantes de todos os grupos políticos e inclúe tamén o compromiso de socializar o contido do informe histórico-xurídico como a demanda de devolver o Pazo ao dominio público.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou a moción e dixo dela que era "un paso adiante" do acordo previo aprobado no propio pleno que indicaba que se apoiaría realizar un estudo sobre o espolio da familia Franco e a incorporación ao dominio público.

"O informe xurídico sinala a vía civil como posibilidade para recuperar o Pazo para Patrimonio Público”

“O informe histórico deixa claro o acontecido, documenta o espolio e a intervención das administracións e, moi concretamente, da Deputación mentres o informe xurídico sinala a vía civil como posibilidade para recuperar o Pazo para Patrimonio Público”, segundo destacou a vicepresidenta, que situou o cerne da cuestión en varios documentos entre os que se atopaba o do 28 de marzo de 1938, que entrega o Pazo a Franco en calidade de xefe do Estado ou o contrato de compravenda de 1941 do que o informe achega  indicios da existencia de “simulación total”, polo que abre a a porta a incorporar as Torres a patrimonio público cunha actuación de oficio xa que se trata dun “ben imprescritíble”.

A vicepresidenta da Deputación defendeu “a necesidade de axilizar os trámites para iniciar o proceso canto antes, xa que temos un informe rigoroso e sólido que deseña un camiño claro, e a unha nova provocación dos Franco ao por á venda ao Pazo” e agradeceu o apoio unánime de todos os grupos da Deputación

“É un orgullo contribuírmos a levantar as lousas da invisibilidade e o intento de nos facer crer que nada se pode mover. Fronte a esa idea, desde esta institución actúase, execútanse os acordos, non se fan simples declaracións senón propostas firmes e rigorosas, con solucións para problemas que sabemos complexos”, sinalou Goretti Sanmartín.

Pola súa banda, o voceiro de María Atlántica, Daniel Díaz, lembrou a todas as persoas e colectivos que levan traballando no camiño de recuperar o Pazo de Meirás para o dominio público e fixo especial mención ao Concello de Sada en que se sitúa o inmoble. “Consideramos que é o Estado quen debe exercitar as accións legais oportunas tanto para anular o fraudulento contrato como para recuperalo para o dominio público”, explicou, e defendeu a necesidade de se implicar tanto o Estado como a Xunta.

O portavoz do PP, Agustín Hernández afirmou que “o grupo provincial do PP e o PP no seu conxunto está a favor da recuperación do Pazo de Meirás para uso público sen custe, dun proceso que busque as máximas garantías e que o primeiro sexa o interese xeral por riba de calquera tipo de interese particular ou intentos de protagonismos”. Hernández apelou ao “máximo consenso” e lembrou que o Parlamento galego aprobou unha comisión de estudos polo que “é prudente agardar o resultado do seu traballo”.

O PP votou desta vez a favor da moción, tal e como anunciara, malia ter votado en contra a unha proposición do BNG case idéntica no Parlamento galego hai tan só uns días

O Pazo de Meirás, nunha imaxe de Turismo de Galicia © Turismo de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.