O BNG censura as "axudas pola porta de atrás" ás touradas na Coruña

Edís do BNG da Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Contra o financiamento público das touradas, "tanto a través de axudas directas como pola porta de atrás". O BNG da Coruña saíu este martes ao paso da confirmación de que o goberno local da cidade, malia á "cantidade de recortes brutais que está a aplica o PP" e "dada a crise económica que ten o Estado español", está a realizar unha importante achega económica á feira taurina que se celebra no marco das festas de María Pita. Para o grupo municipal que lidera Xosé Manuel Carril é "irresponsábel" realizar este pagamento aínda que non sexa de foram directa xa que o gabinete do popular Carlos Negreira "pagará a instalación e a ornamentación da praza", instalada no Coliseum, "e a condicionará as distintas zonas e os recheos de area". Ademais, denuncian, o espazo "seralle edido de balde á empresa" organizadora.

O Concello coruñés admite un gasto de 35.000 euros para transformar o Coliseum en praza de touros

"A limpeza, a desratización" e a "instalación da montaxe" correrán tamén "por conta dos cartos da cidadanía da Coruña", censura o Bloque que, atendendo ao concurso público convocado dende o goberno local, salienta que "o custo será de 35.000 euros" cifra que, non obstante, "o colectivo Galiza, mellor sen touradas", que "tamén critica o escurantismo do señor Negreira ao respecto", incrementa ata chegar ata 90.000 de impacto nas contas públicas. Todo isto sucede aademais sen que "ningún representante político" ofrecese explicacións, xa que o equipo de goberno "se refuxiou nun técnico", que explicou en rolda de prensa as "características das touradas deste ano" e ademais presumiu de que o evento estará "á altura dos anos anteriores".

Neste contexto o BNG coruñés subliña especialmente que, na súa opinión, "non debería gastarse nin un só euro na feira taurina", posición que, din, malia ás "reiteradas falsidades vertidas por membros do Goberno local", veñen mantendo dende "sempre". "Sempre votamos en contra de subvencionar as touradas no padroado" do Instituto Municipal de Espectaçulos "e sempre nos manifestamos en contra das corridas de touros". Neste sentido explican ademais que "no programa electoral co que concorreron ás eleccións municipais" incluíron "un apartado específico sobre a protección dos animais froito de diversas reunións con colectivos animalistas", sección na que se "incluía o compromiso de pórlle fin ás axudas públicas ás touradas na Coruña".

Edís do BNG da Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.