"ETA, onde están os tres mozos coruñeses desaparecidos en 1973?"

Representantes do Goberno vasco na presentación do informe © eldiarionorte.es

O 24 de marzo de 1973 José Humberto Fouz, Jorge Juan García e Fernando Quiroga, tres mozos coruñeses, desapareceron na fronteira francesa, que cruzaran para ver en Biarritz un filme censurado polo franquismo. Nunca se soubo con exactitude o que sucedera, pero sempre se manexou a hipótese de que militantes de ETA os confundiron con policías e acabaron coas súas vidas. Este venres a familia de José Humberto Fouz fixo un chamamento público a ETA para que diga o lugar no que "se desfixo dos seus corpos". Este sábado o Goberno vasco uniuse á demanda, instando á banda terrorista e a quen poida ter información sobre o seu paradoiro, que o comunique "por calquera medio" e "por humanidade e por empatía" co sufrimento das súas familias.

O 24 de marzo de 1973 José Humberto Fouz, Jorge Juan García e Fernando Quiroga, tres mozos coruñeses, desapareceron na fronteira francesa, que cruzaran para ver en Biarritz un filme censurado polo franquismo

O Goberno vasco e a Cátedra de Dereitos Humanos da UPV/EHU presentaron este sábado en Vitoria-Gasteiz o informe sobre a desaparición dos tres traballadores galegos residentes no País Vasco, no día no que se conmemorou o 45 aniversario deste suceso. O informe recolle que a versión xornalística máis estendida, "aínda que pouco solvente pola súa constante variación na versión dos feitos", foi que os tres mozos galegos se dirixiron a Biarritz a tarde do 24 de marzo de 1973 e "refuxiados vascos" confundíronos con policías españois. Sinala que os agrediron, introducíronos nun coche, matáronos e fixéronos desaparecer. Ao longo de 40 anos abríronse dúas investigacións xudiciais e ambas pecháronse.

O secretario xeral de Dereitos Humanos e Convivencia, Jonan Fernández, manifestou que este informe constitúe un "apoio explícito á esixencia de clarificación do pasado neste caso" e "representa unha achega a unha memoria crítica e compartida do ocorrido", así como un acto de recoñecemento institucional ás familias "polo dano inxusto sufrido, agravado polo esquecemento padecido".

O Goberno vasco e a Cátedra de Dereitos Humanos da UPV/EHU presentaron este sábado en Vitoria-Gasteiz o informe sobre a desaparición dos tres traballadores galegos residentes no País Vasco, no día no que se conmemorou o 45 aniversario deste suceso

"Nin podemos nin debemos renunciar a que estas tres familias poidan ter acceso ao dereito á verdade, ao dereito a saber que ocorreu. Pasaron 45 anos. O único modo de que estas familias poidan atopar un pouco de alivio e unha aproximación á verdade é saber que ocorreu cos seus tres familiares e onde se atopan. Un medio de poder sabelo é que quen poida ter algunha información a comunique", engadiu. Neste sentido, o Goberno Vasco "por humanidade e por empatía co sufrimento das súas familias" pediu que "quen dispoña de calquera dato ou información sobre o que ocorreu con José Humberto, Jorge Juan e Fernando o comunique por calquera medio".

Fernández explicou que no informe non se atribúen estas desaparicións a ETA porque se trata dun caso "non esclarecido" e sinalou que o mesmo revela que as informacións que existen do caso "son confusas" pero recoñeceu que hai unha hipótese que é a que "acumula máis indicios", que sitúa a autoría destas desaparicións "ao redor de ETA ou a un grupo de refuxiados vascos que se puido atopar con eles nunha taberna dunha localidade do País Vasco francés". Como esta posibilidade "xudicialmente non chegou a probarse", o Goberno Vasco "non nega nada", senón que "expón o que existe". A Secretaría Xeral de Dereitos Humanos, Convivencia e Cooperación activou a dirección de correo electrónico desagertuak@euskadi.eus para que se poida remitir calquera dato ou información.

No informe non se atribúen estas desaparicións a ETA porque se trata dun caso "non esclarecido" pero hai unha hipótese que é a que "acumula máis indicios"

Na presentación do informe, o director da Cátedra de Dereitos Humanos da UPV/EHU, Jon Mirena Landa, asegurou que detectaron un "déficit claro na actividade da Xustiza", tanto de España como de Francia, e denunciou que durante a recollida de información non puideron acceder á instrución aberta pola Audiencia Nacional no ano 2005. Tamén destacou que na instrución aberta polo Xulgado de San Sebastián no ano 1974, detectaron que o movemento instrutor "é confuso", xa que hai unha especie de "freo botado" por parte do xuíz instrutor na recollida de probas ou no feito de que non se solicitase a Francia a posta en marcha dunha investigación criminal. "Parece que é instrutor non quere buscar", criticou.

Propuxéronlles ás institucións vascas que anualmente se lembren as desaparicións, "aínda que sexa simbolicamente" para que "se axiten as augas" co obxectivo de "quen tivese unha información a poida facer chegar"

Os seus autores afirman que este documento "non pode aspirar a proporcionar a resposta que o dereito á verdade demandaría", pero si pode contribuír a "un maior coñecemento e recoñecemento social, político e institucional dun caso de tripla desaparición" que permaneceu "oculto e ausente no debate sobre violacións de dereitos humanos". Por último, propuxéronlles ás institucións vascas que anualmente se lembren as desaparicións, "aínda que sexa simbolicamente" para que "se axiten as augas" co obxectivo de "quen tivese unha información a poida facer chegar".

 

Jorge Juan García, José Humberto Fouz e Fernando Quiroga © lamemoriadeldolor.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.