A policia alemá detén a Puigdemont na fronteira con Dinamarca

Carles Puigdemont © Eldiario.es

A policía de Alemaña detivo esta mañá o ex presidente da Generalitat Carles Puigdemont cando acababa de cruzar en coche a fronteira alemá desde Dinamarca. A detención prodúcese por mor da euroorde cursada pola xustiza española, segundo confirmou eldiario.es e comunicou publicamente o avogado do expresident Jaume Alonso-Cuevillas. A información tamén foi confirmada oficialmente polo Goberno de Angela Merkel.

A detención prodúcese por mor da euroorde cursada pola xustiza española

A operación produciuse ás ás 11:19h da mañá na estrada A7, 35km despois de que o coche de Puigdemont cruzara a fronteira entre Dinamarca e Alemaña, preto da localidade alemá de Schuby. O vehículo fora previamente identificado pola policía, que o seguiu ata a súa detención.

Puigdemont atopábase este sábado en Finlandia, onde participara nun acto. Estaba previsto que o expresident regresara en avión desde Helsinki a Bruxelas onte, pero non se presentou no aeroporto despois de que Finlandia activara unha orde de detención a petición de España. O camiño, no seu lugar, emprendeuno en coche.

O servizo de intelixencia español tiña localizado a Puigdemont e cando saíu de Finlandia cara a Alemaña informou á policía alemá

O diario alemán Focus asegura que o servizo de intelixencia español tiña localizado a Puigdemont e cando saíu de Finlandia cara a Alemaña informou á policía alemá, segundo explica Europa Press.

Segundo o seu avogado, o trato da policía alemá "foi en todo momento correcto" e nestes momentos Carles Puigdemont atópase retido nunha comisaría. Alonso-Cuevillas lembra que Puigdemont dirixíase a Bélxica onde se poría a disposición da xustiza despois da reactivación da orde europea de detención. A Fiscalía de Bruxelas tamén reactivou as euroordes de detención dos ex-consellers que se atopan en Bélxica: Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig.

Fontes da defensa de Puigdemont aseguran que, aínda que a detención en Alemaña non entraba nos seus plans, non ten por que supor unha extradición rápida cara a España

Fontes da defensa de Puigdemont aseguran a eldiario.es que, aínda que a detención en Alemaña non entraba nos seus plans, non ten por que supor unha extradición rápida cara a España. Alemaña é un dos países cunha lexislación máis garantista e foi un do cinco destinos europeos que o seu equipo xurídico recomendou para escapar do Tribunal Supremo e poder defender ante un tribunal non español o fondo da cuestión.

A detención produciuse ás 11.19 horas en Schuby (Alemaña) © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.