O TSXG condena a Tragsa por deixar de contratar unha brigadista que participara en anteriores campañas de incendios

Brigada de loita contra o lume da empresa pública Tragsa Dominio Público Tragsa

“Trátase dunha actividade cíclica, que aínda que non se repita en datas exactas, pero si aproximadas, reitérase no tempo e aparece dotada de homoxeneidade. Por iso, a falta de chamamento [da traballadora] para a temporada de 2016 [...] comportou a existencia dun despido improcedente da traballadora”. Así vén de ratificar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a condena á empresa pública Tragsa por despido improcedente por non contratar en 2016 unha brigadista coa que si contara nas campañas de loita contra os incendios forestais da Xunta entre 2011 e 2015 a razón de dous ou tres meses cada ano.

A empresa pública, por encargo da Xunta, contou coa afectada menos de tres meses ao ano durante cinco anos seguidos e o tribunal, nunha sentenza reveladora da precariedade no sector, di que non volvela a chamar supón un despido improcedente

A sentenza, emitida polo TSXG o pasado 22 de xaneiro, continúa na liña doutras emitidas anteriormente sobre contratos temporais irregulares e é reveladora da precariedade coa que a Xunta trata o persoal da loita contra o lume, parte do cal contrata a través de Seaga e Tragsa, empresas públicas autonómica e estatal, respectivamente, ás que encarga a xestión de brigadas. Unha xestión que vén estando rodeada de polémica pola discrecionalidade das contratacións. A precariedade, en todo caso, esténdese tamén ao persoal da propia administración malia a promesa de mellorar esa situación.

Segundo o relato dos feitos da sentenza, a traballadora en cuestión foi contratada para o distrito forestal O Condado-A Paradanta en primeiro lugar pola empresa pública autonómica Seaga do 12 de xullo ao 17 de setembro de 2011. A partir do exercicio seguinte xa sería Tragsa quen a contrataría, nunca por máis de tres meses cada ano: en 2012 do 25 de xullo ao 6 de outubro, en 2013 do 13 de agosto ao 12 de novembro, en 2014 do 26 de agosto ao 25 de novembro e en 2015 do 16 de xullo ao 5 de outubro. Segundo a sentenza, como peón de incendios cobraba 1.214,15 euros brutos mensuais coas pagas extras prorrateadas, contratos que se asinaban como temporais por obra ou servizo e con financiamento de fondos europeos.

O tribunal considera "irregular" a sucesión de contratos temporais e di que a relación coa empresa "é a propia dun traballador indefinido discontinuo"

Porén, en 2016 Tragsa deixou de chamar á traballadora, que primeiro pediu un acto de conciliación e, ao non ser atendida a súa petición pola empresa, recorreu á Xustiza. O Xulgado do Social número 3 de Vigo, en sentenza do 20 de xullo do ano pasado, deulle a razón á traballadora e condenou a Tragsa a readmitila “ou aboarlle unha indemnización de 1.765,45 euros” polo que considerou un despido improcedente con data do 10 de xullo de 2016, o día en que a empresa chamou ao resto de traballadores pero non á afectada. Tragsa recorreu pero o TSXG ratifica agora esa condena.

Segundo o tribunal, “a natureza da súa relación laboral" e a forma en que esta se executou con sucesivos chamamentos para actuar nas campañas contra incendios, por tratarse dunha actividade cíclica (aínda que o fosen baixo a forma irregular de novas contratacións temporais), é a propia dun traballador indefinido discontinuo desde o inicio desa relación, cuxa falta de chamamento na nova campaña foi correctamente cualificado como despido improcedente”.

O Consello de Contas xa criticara que a Xunta encarga a Tragsa e Seaga traballos que debería acometer ela, o que acabou implicando a conversión en funcionarios de 29 dos seus traballadores só en 2013

Tragsa e Seaga non só están no foco dos sindicatos e a xustiza pola precariedade das súas contratacións para as brigadas contra incendios. O Consello de Contas tamén criticou que esas dúas entidades veñen subcontratando sen control a metade dos traballos que lles encarga o Goberno galego. Igualmente, Contas criticou que a Xunta lles encargue tarefas que debería acometer ela mesma, o que só en 2013 acabou implicando a conversión en funcionarios, tras as respectivas denuncias xudiciais, de 29 traballadores desas empresas públicas.

Sentenza do TSXG condenando á empresa pública Tragsa por deixar de contratar a unha brigadista CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.