0 Gardados para despois

A Xunta pagou o complemento das pensións non contributivas con fondos doutras partidas sociais e débeda

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No outono de 2008 o Goberno de PSdeG e BNG aprobou a implantación en Galicia do complemento da Xunta ás pensións non contributivas, un pagamento único de 200 euros anuais. Tras o retorno do PP ao poder a daquela nova conselleira de Benestar, Beatriz Mato, anunciou a eliminación desta axuda por considerala "unha tirita", "un parche" que ademais "legalmente non está moi contemplado". A decisión de suprimila apenas durou uns días pola controversia xerada e Alberto Núñez Feijóo recuou, aplicando ademais á achega o incremento do IPC daquel ano, ata os 206 euros. Esa é a contía na que este complemento ás pensións máis baixas está conxelado dende 2010 e esa é a que figurou no decreto co que a Xunta ordenou o pasado decembro pagalo de novo en xaneiro deste 2018, aínda que para facelo tivo que restar fondos a outras doce partidas do ámbito social. 

Esa conxelación unida ao número relativamente estable de persoas beneficiarias da prestación, unhas 40.000, permite á Xunta prever sen dificultades ano tras ano os cartos que precisará para atender a prestación, que é ingresada nos primeiros días do ano con cargo ao orzamento do exercicio anterior. Así, nos Orzamentos Xerais de 2017, aprobados no Parlamento en febreiro do pasado ano -as eleccións atrasáranos un chisco- incluían, como o ano anterior, 8,2 millóns de euros para esta finalidade na partida correspondente. Malia esta previsión, só dous días antes de que o Consello da Xunta dese luz verde ao pagamento a Consellería de Política Social non tiña cartos dabondo na partida do complemento destas pensións. Por iso tivo que botar man de ata unha ducia doutras áreas da Consellería e mais dunha operación de endebedamento.

Esta axuda foi creada polo bipartito e o PP anunciou a súa eliminación en 2009, pero despois recuou

A partida á que máis fondos restou o departamento de José Manuel Rey Varela para poder pagar o complemento das pensións non contributivas é, paradoxalmente, unha que esta Consellería se viu obrigada a ampliar sistematicamente nos últimos anos, a da Renda de Inclusión Social (Risga), por non incluír nela cartos dabondo para atender todos os pagamentos. Así, por exemplo Política Social tivo que inxectar 600.000 euros ao orzamento da Risga en 2017 apenas un mes despois da súa aprobación inicial e que acabou medrando dende os 57 millóns iniciais ata preto dos 63 mediante diferentes vías de ampliación -transvasamentos dende outras partidas e fondos estatais-. No entanto, neses últimos días do ano a Xunta colleu 4,1 millóns da Risga para financiar o complemento das pensións non contributivas.

A partida do complemento estaba incluída nos Orzamentos de 2017, pero dous días antes de ser aprobado no Consello, o pasado decembro, Política Social tivo que tirar cartos dunha ducia áreas sociais para pagalo

Segundo consta no expediente da operación, o financiamento deste complemento foi restado a outras once partidas máis. A segunda fonte de recursos máis cuantiosa foron 1,09 millóns inicialmente destinados a sufragar gastos do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar -que atende xunto cos concellos centros de maiores e escolas infantís- e algo máis de 750.000 euros previstos para o servzio de apoio a persoas con mobilidade reducida. Diñeiro das transferencias aos concellos para sufragar centros de maiores ou de inclusión social, cartos para atender poboación migrante, axudas para o pobo xitano ou poboación en situación de pobreza foron outras das fontes ás que Política Social tamén acudiu.

A recompilación de cartos de diferentes partidas non foi, así e todo, suficiente para o pagamento. Restaban aínda 1,03 millóns de euros para completar os 8,2 millóns necesarios. Esa diferenza foi financiada a través do endebedamento adicional que o Goberno de España permitiu á Xunta para o ano 2017.

A Consellería admite a Praza.gal a existencia da operación e argumenta que tivo que "reubicar orzamentariamente" o diñeiro para "facilitar a realización dos pagamentos"

A Consellería de Política Social foi cuestionada por Praza.gal sobre as razóns que a levaron a ter que tirar cartos doutras áreas para financiar un complemento das pensións non contributivas xa previsto e mesmo orzamentado. O departamento de Rey Varela admite a preguntas deste diario que "efectivamente", o crédito de 8,2 millóns de euros estaba "orzamentado", pero "foi necesario reubicalo orzamentariamente para facilitar a realización dos pagamentos correspondentes". O Goberno non especifica, non obstante, se durante o ano ese diñeiro foi empregado para outras finalidades ou se a súa inclusión inicial no orzamento non foi realizada de maneira correcta. Así e todo, resalta a Consellería, "todas as persoas con dereito" a este complemento "percibiron putualmente o ingreso en tempo e forma a primeiros de xaneiro de 2018".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.