Anova e Compromiso chaman á unidade no seu primeiro 25 de xullo

Asistentes ao acto de Anova CC-BY-SA Merixo

Aposta pola unidade de acción ante unha "situación de emerxencia" e para conseguir "unha creba democrática do actual réxime". Así se manifestou este mércores o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, no acto organizado pola nova formación nacionalista, que fixo a súa estrea pública en Mazarelos ante arredor dun milleiro de persoas. Unha cantidade semellante foi a que acudiu case á mesma hora a Bonaval, onde Compromiso por Galicia (a unión de Acción Galega, Ecogaleguistas e Máis Galiza) levou a cabo os seus actos, onde o seu líder, Xosé Manuel Bascuas, avogou tamén pola "unidade", aínda que "sen esperar por ninguén", en clara referencia a Beiras.

"O tempo esgótase, nós chamamos por todo o mundo, pero non esperamos por ninguén". Con estas palabras o portavoz de Compromiso por Galicia (CxG), Xoán Carlos Bascuas, deixou clara a intención desta nova formacion de seguir en solitario se o colectivo dirixido por Xosé Manuel Beiras non dá o paso de sumarse a eles. O discurso do líder da nova formación puxo punto e final ao acto organizado por CxG no parque de San Domingos de Bonaval da capital galega para celebrar o Día da Patria, un acto presidido pola bandeira autonómica e que axuntou varios centos de persoas.

As referencias ás persoas que marcharon do BNG foron constantes no acto de CxG; no de Anova, houbo alusións sen citar o Bloque

Ao longo das diferentes intervencións repetíronse ás referencias á "radicalidade democrática" e a "recuperar a política", así como as referencias ás persoas que marcharon do Bloque Nacionalista Galego. Bascuas definiunas como "herois e horoínas" que "podían vivir noutra casa pero na que non podían construír un fogar e decidiron marchar", e lembrou que "os costumes e as amizades poden facer que hoxe ollemos cara outras prazas".

Na mesma liña interviu o alcalde de Maceda Xabier Oviedo, moi aplaudido ao afirmar que "non podiamos seguir defendendo os intereses dos nosos veciños baixo unha siglas nas que xa non criamos". "A xente está casa dos vellos partidos", asegurou Oviedo, e chamou a participar en CxG.

Pérez Bouza definiu Compromiso como "a gran casa común do galeguismo"; Anova defínese como un "movemento cívico" para a "maioría social da nación"

"Aspiramos a ser algún día o Partido Nacional de Galicia, o referente social maioritario da cidadanía galega", aseverou pola súa banda o ex-senador do BNG Pérez Bouza. O ourensán definiu Compromiso por Galicia como "a gran casa común do galeguismo, e xa temos os alicerces e a estrutura". Para o ex-senador, "non nos importa de onde vén a xente, senón a onde quere chegar", en referencia á variada procedencia dos afiliados de CxG. Neste sentido Bascuas asegurou na nova formación "converxen augas diferentes pero non distantes".

Mentres, no acto de Anova, Beiras chamou a "botar" os actuais dirixentes da Xunta das institucións e insistiu nunha organización política "que só debe ser a ferramenta" dunha sociedade civil "participativa e organizada" e que ten que ser necesariamente "de longa duración". "Aínda que se gañasen as eleccións, dificilmente se podería darlle unha volta total ao forro sen unha creba democrática do réxime", insistiu o voceiro nacional, nun acto no que, entre o público, púidose ver o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, ou ao alcalde de Teo, Martiño Noriega.

Así, Xosé Manuel Beiras suxeriu a creación "dunha fronte común de esquerdas" na que estivese representado "toda o espectro da esquerda e do nacionalistmo" entre o que incluíu "á esquerda estatal que recoñeza o dereito de autodeterminación do pobo galego", abrendo a porta á confluencia electoral con Esquerda Unida, e da que non vetou o BNG. De feito, e xa antes do seu discurso, o voceiro nacional de Anova sorprendeu chamando á unidade de acción e aclarado que o feito de que Anova optase por aparecer "co seu perfil" no Día da Patria non significaba que quixese "protagonizar nada", optando tamén por "confluír" co nacionalismo. "Exhorto as outras organizacións de esquerda a que se unan para facer accións conxuntas para acabar con este réxime" nunha época que supón "o remate dun ciclo histórico e político".

Ademais, Beiras criticou con dureza a pretensión do PP de reducir o número de deputados na Cámara galega, que ve "unha manobra para a creación dun partido único" e "unha vulneración dos reximes democráticos", unha "situación de emerxencia" que requiriría máis aínda esa "fronte común". Así, "e no caso de que se queira aforrar", o voceiro de Anova apostou por acabar coa Lei D'Hont e pola "supresión da porcentaxe mínima do 5% para a obtención de escano" para optar por "unha proporcionalidade sinxela e directa dos votos".

No entanto, Beiras, aínda que sen citalo, tamén lanzou críticas contra o BNG censurandoo a "aqueles que invocan a unidade pero para ter un pensamento único e amansarse". Ademais, fixo referencia a Amaiur, coalición da que, dixo, "cómpre aprender algunhas leccións". A unión de diversas e variadas forzas nacionalistas en Amaiur debe, segundo Beiras, ser tida en conta "por quen pretende monopolizar o nacionalismo negando a súa pluralidade".

Beiras puxo como exemplo de unión a coalición formada en Euskadi por Amaiur

Ademais, falou dun novo proxecto común que "ten que ser de e para a maioría social da nación", na que incluíu obreiros, mariñeiros, autónomos e pequenos empresarios, "un pobo con dereito a emanciparse se así o quere o pobo". O voceiro de Anova rematou o acto chamando de novo "á rebeldía cívica", lembrando que é "a hora da primeira República Galega" e entre berros de "Galiza ceibe, poder popular" e "independencia" tras o canto do himno galego.

En Bonaval, CxG centrou na defensa do autogoberno todas as intervencións, así como as críticas ao reforzo das deputacións. Para Bascuas "é tan demoledor para o autogoberno pedir menos soberanía como demandar a República Galega", mentres que Pérez Bouza afirmou que "os límites de decisión de Galicia serán os que a cidadanía galega queira".

Pola súa banda, a exconselleira de Vivenda do BNG Teresa Táboa non dubidou en cualificar a redución de deputados no Parlamento Galego como "un golpe de estado á democracia", e preguntoulle a Feijóo "se ten medo da democracia ou de Compromiso por Galicia".

O canto do Himno puxo fin a un acto no que tamén se escoitaron referencias ao 15M ou ao "homicidio á clase media", en palabras de Bascuas, quen rematou pedindo "ver a historia de Galicia en positivo".

O evento de Bonaval contou coa presenza de delegacións internacionais como Coalición Canaria, Iniciativa del Poble Valencià, Iniciativa per Catalunya ou a Fronte Polisaria, cuxos representantes tamén interviron no acto. Tamén se leu unha carta do secretario xeral de Eusko Alkartasuna, Pello Urizar, e se nomearon outras formacións como PNV, Sortu, Chunta Aragonesista ou Convergènica Democràtica de Catalunya (CDC). En Mazarelos houbo representación da esquerda abertzale, do Bloco de Esquerdas portugués, así como doutras formacións a nivel internacional.

 

 

Público durante a intervención de Pérez Bouza CC-BY-SA CxG
Beiras e membros mozos de Anova CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.