O PPdeG oponse á nulidade das condenas do franquismo dous meses despois de admitir que foi un réxime fascista

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

O PP galego votou en varias ocasións proposicións e declaracións no Parlamento que condenan a dictadura franquista. A última, hai apenas dous meses, chegou ligada ao Día Internacional en Conmemoración das Vítimas do Holocausto, que a Cámara galega centrou na lembranza dos case 200 galegos deportados aos campos de exterminio nazis, tal e como pediran familiares das vítimas. Esa homenaxe partira dunha declaración institucional -textos que só poden ser aprobados por unanimidade- na que foi lembrado que aquel xenocidio "contou coa colaboración da ditadura franquista" e "perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República e tras a instauración dun réxime fascista".

Esta semana, apenas dous meses despois daquela declaración, a comisión institucional do Parlamento volveu debate sobre memoria histórica e reparación das vítimas da ditadura. Foi a través dunha iniciativa do BNG que defendía instar a Xunta a dirixirse ao Goberno de España para que impulse os cambios legais necesarios que convirtan en nulos os xuízos políticos do franquismo. As "declaracións de condena", sinalou o deputado Luís Bará, deben vir acompañadas de "políticas públicas" que vaian alén do aprobado na lei de memorisa histórica, que "considerou ilexítimos" aqueles tribunais pero "non resolveu a cuestión principal, a declaración da nulidade daquelas sentenzas, impostas por militares golpistas". O PP, desta volta, desmarcouse e regresou ao discurso sobre unha suposta reapertura de "feridas" históricas.

O BNG reclamou, co apoio de En Marea e PSdeG, que a Xunta apoiase ante o Estado a anulación dos xuízos franquistas para que "o nome das vítimas quede limpo da ignominia"

A proposta, sinalou o parlamentario do Bloque, vai na liña de iniciativas xa aprobadas por parlamentos como o catalán ou o balear que, en ambos casos tamén cos votos do PP, aprobaron leis que consideran nulos estes xuízos aínda que a responsabilidade última de facelo sexa do Estado. Trátase, resalta Bará, de deixar claro que o "nome" das persoas represaliadas ten que quedar "limpo da ignominia" dos "tribunais de responsabilidades políticas" cuxas sentenzas seguen formalmente a "ter validez". Sería de agardar, resaltou, que o PP galego non exerza como "o máis retrógrado" do Estado e "se dirixa" ao Goberno de España para "que impulse as modificacións legais" que cumpran.

Jacobo Moreira (PP): "Non lles serve o de pechar feridas, pretenden que non se pechen, senón botar sal nas feridas"

A iniciativa do BNG contou co apoio de En Marea e tamén do PSdeG, que formulou emendas aceptadas por Bará. Pero bateu coa maioría absoluta do PP, representado no debate por Jacobo Moreira. O tamén voceiro do partido no Concello de Pontevedra rexeitou a iniciativa "por un tema formal", xa que "adoece" de problemas "terminolóxicos" ao instar o poder Executivo a tomar decisións sobre o xudicial, esgrimiu. Alén das formas, en calquera caso, Moreira reprocha que ao Bloque "non lle chega o que di a lei" de memoria histórica, que os populares rexeitaron cando foi aprobada en 2007, porque a "tratan de revisar".

"A palabra nulidade vai traer maior dignificación das vítimas?", pregúntase o conservador, que tras facer unha chamada á "seguridade xurídica" desdeñou o debate por "artificial" e "forzado". "Condenamos todas esas actuacións que se fixeron, esas sentenzas, eses tribunais", agregou o conservador, pero se "a lei de memoria histórica foi promovida coa intención de pechar feridas abertas nos españois", o que "agora" semella, censurou, que "non lles serve o de pechar feridas" e "pretenden que non se pechen feridas, senón botar sal nas feridas". "Queremos deixar claro un compromiso indubitado coa convivencia democrática" e o BNG "parece que non queren aceptar a palabra reconciliación", zanxou, antes de instar a lembrar que "o resultado das eleccións di que o PPdeG está actuando no sentido correcto" e "por iso sacamos ese resultado, que o PP de Cataluña non consegue acadar", razoa Moreira.

Luís Bará, deputado do BNG autor da iniciativa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.