Nós-UP e Causa Galiza reclaman a independencia no Día da Patria

Un intre da manifestación de Nós-UP CC-BY-SA Praza Pública

Os actos reivindicativos do Día da Patria en Compostela completáronse, como vén sendo habitual, coas manifestacións de forzas independentistas. Aínda que con lixeiras variacións a respecto doutros anos -a FPG, por exemplo, intégrase agora en Anova- estes grupos volvéronse manifestar por separado, aínda que cunha escasa diferenza horaria, e situando a reivindicación da independencia no cerne das súas reivindicacións. A primeira das dúas marchas en partir foi a convocada por Nós-Unidade Popular, na que os berros de "independencia" ou "a luita é o único caminho" se mesturaban con reclamacións de "liberdade" para Telmo Varela, sindicalista da CUT no cárcere.

No acto final de Nós, no Toural, a voceira da organización, Rebeca Bravo, puxo o acento en que a mobilización se produce en "tempos de esperanza" pero "sobretodo, de loita e combate", ás que a "esquerda independentista e socialista galega non está disposta a renunciar". Neste sentido, e en referencia aos movementos producidos no seo do nacionalismo nos últimos meses Bravo rexeita a construción de "novas plataformas electorais que só pretenden un anaco do bolo do parlamentarismo burgués". Nós-UP, di, aposta por "dar xaque mate a España, ao capital e ao patriarcado" e para isto, afirma, cómpre unha "rebelión popular". O acto desta formación concluíu co canto do himno galego, intre no cal dúas persoas queimaron unha bandeira española.

A outra comitiva independentista do día foi a da plataforma Causa Galiza que, tras non callar a súa aposta dun "Día da Patria unitario", celebrou a súa propia mobilización baixo o lema Seguimos no caminho da liberaçom nacional e social. Tras un percorrido no que os cánticos a prol da independencia do país se mesturaron coa petición de "liberdade" para "patriotas galegos" detidos, a comitiva de CG rematou, como a de Nós-UP, no Toural. Nese acto final a formación situou o cerne das súas reivindicacións en que "Galiza saexa un país onde o pobo se sinta plenamente galego". Para iso, din, cómpre "libertar Galiza" e tamén mudar un sistema "gobernado por delincuentes" contra os que, como medida inmediata, ven a necesidade dunha folga xeral.

Cabeceira da marcha de Causa Galiza CC-BY-SA Praza Pública
Faixa de Nós-UP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.