O PSdeG ve no autogoberno e en "apertar aos que teñen moito" as vías para saír da crise

Homenaxe floral a Castelao CC-BY-NC-SA PSdeG

"Crecemento, emprego e servizos públicos" xunto con "autogoberno". Son os piares nos que o PSdeG centrou neste 2012 a súa reivindicación no Día Nacional de Galicia, que os socialistas celebraron, como é habitual, ao pé da estatua de Castelao en Rianxo, cunha ofrenda ao político, intelectual e artista. Coa presenza dos máximos dirixentes da formación e a apenas un mes do inicio do proceso de eleccións primarias -unha das fotos máis buscadas, e que se produciu, foi a de Pachi Vázquez con José Blanco- o secretario xeral do partido chamou aos seus a combinar o carácter "alegre" do 25 de xullo cunha xornada "claramente reivindicativa", por celebrarse nun "momento crítico" causado por "gobernos conservadores empeñados na demolición do Estado democrático" e tamén "dos dereitos dos cidadáns e do autogoberno".

"Que non vos enganen, a culpa da crise non é do sistema público, senón do sistema financeiro que defende a dereita"

Isto sucede, diagnostica Vázquez, en primeiro lugar porque o presidente da Xunta "sente vergoña do seu autogoberno" e, depois de anos nos que "ía a Madrid dando golpes no peito" ante o Goberno do PSOE, "agora vai axeonllado, a dicirlle que si ao desmantelamento", o mesmo que o PSdeG rexeitou co seu manifesto. "Hai outro xeito de sacar adiante este país", proclama Pachi Vázquez, que non implique "roubar o que tanto esforzo e tantos anos costou conseguir", isto é, a sanidade pública, a educación pública "e a dignidade como galegos e galegas". "Que non vos enganen, a culpa da crise non é do sistema público, senón do sistema financeiro que defende a dereita", di.

En opinión do líder dos socialistas galegos tan importante como rexeitar os recortes é "lanzar unha mensaxe de esperanza e futuro", cunha aposta por "mudar a política da recesión pola do crecemento, o emprego e a defensa a ultranza dos servizos públicos". "Non podemos permanecer impasibles, non podemos baixar a cabeza ante a maior destrución de empregos e dereitos". "Non podemos -salienta- deixar que ninguén nos diga que aínda que perdamos iso, non pasa nada". Tampouco cabe a inacción, afirma, ante un Goberno que "culpabiliza a quen non en traballo e lle di que ten que correr máis para buscalo" ou diante de "barbaridades regresivas" como a contrarreforma da lei do aborto, que amosan que "a dereita quere volver á noite dos tempos".

Dentro do marasmo de recortes Pachi Vázquez responsabiliza por igual aos presidentes de Galicia e do Goberno de España. "Rajoy e Feijóo son as mesmas caras dunha moeda, unha moeda falsa que enganou a este país", a comezar por dicir que "todo estaba moi mal" cando a prima de risco se situaba en 300 puntos e agora "non sabe como arranxar" niveis de máis de 600 puntos. Diante disto, Vázquez coida que "todos os socialistas" deben "conxurarse" en torno á aposta por un "cambio radical", coa "esquerda" no Executivo para "apertar aos que teñen moito" pola vía fiscal e destinar os recursos obtidos a "crecemento e emprego". "Só pagaremos as débedas cando teñamos traballo", proclama. Mentres iso no acontece "temos que ser nós os que saiamos á rúa e defendamos o que tanto traballo nos custou conseguir". "Para defender a resignación e coller as maletas xa está o presidente da Xunta", conclúe.

Pachi Vázquez, nun intre da ofrenda CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.