Rajoy homenaxea as vítimas da ditadura arxentina mentres ignora as do franquismo

Rajoy, durante a súa visita ao Parque da Memoria de Buenos Aires © Diego Crespo / Goberno de España

Aínda que o tema da memoria histórica non é o preferido do presidente Mariano Rajoy nin do seu partido, a axenda da súa visita oficial a Arxentina incluíu este mércores un acto de homenaxe ás vítimas da ditadura dese país. Alí, nove asociacións defensoras dos dereitos humanos -entre elas as Avoas de Praza de Maio e as Nais de Praza de Maio-Liña Fundadora- fixéronlle chegar unha carta na que lle solicitan que se xulguen os crimes cometidos durante o franquismo e que se facilite a extradición dos imputados na querela arxentina que xulga eses delitos.

Rajoy percorreu en Buenos Aires os muros do Parque da Memoria e un xornalista arxentino preguntoulle que vai facer coas vítimas da ditadura española

Rajoy percorreu en Buenos Aires os muros do Parque da Memoria, onde figuran os nomes de miles de vítimas da ditadura militar arxentina, e mesmo lanzou ao río da Prata unha ofrenda floral en honra aos asasinados. Mentres asinaba o libro de honra, un xornalista arxentino lanzoulle unha pregunta sobre que ía facer coas vítimas do franquismo. A pregunta quedou no aire porque nese momento, unha persoa que levaba unha bandeira española increpou o xornalista: "e cos dos comunistas, que?".

Pregunta a Rajoy na Arxentina sobre as vítimas do franquismo, formulada pola revista 'Cítrica'

O tenso momento foi o corolario dunha serie de incomodidades diplomáticas para a delegación española, xa que as principais organizacións de dereitos humanos arxentinas -Avoas de Praza de Maio, Nais de Praza de Maio Liña Fundadora, CELS e a Asemblea Permanente polos Dereitos Humanos, entre outros- negáronse a acompañar a Rajoy na súa visita. Si o fixeron, por exemplo, coa mandataria alemá Angela Merkel e ou o entón presidente francés, François Hollande. As Avoas tamén plantaron no seu día a Barack Obama, en protesta polo papel de Estados Unidos durante a ditadura arxentina.

Unha petición de "respecto ás vítimas"

No canto de acompañar a Rajoy na visita os colectivos de dereitos humanos fixéronlle chegar unha carta pedindo que sexan xulgados os crimes do franquismo e colaboración coa 'querela arxentina'

En lugar de realizar a visita e a ofrenda co presidente español, os organismos de dereitos humanos fixéronlle chegar unha carta na que lle piden que "adopte as medidas necesarias para que o Estado español xulgue os cidadáns españois acusados de crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista ou, no seu caso, extradite os imputados na causa n° 4591/2010 que se instrúe no Xulgado Criminal e Correccional Federal N° 1 da Cidade de Buenos Aires, a cargo da xuíza María Romilda Servini de Cubría".

A chamada  "querela arxentina", impulsada polo galego Darío Rivas, é o único proceso no mundo no que se investigan os crimes do franquismo. Os organismos de dereitos humanos reprochan ao Goberno español que "os pedidos de exhumación, recolección de testemuños e as imputacións encamiñadas pola xuíza Servini de Cubría foron resistidos por diversas institucións españolas que deberían dar urxente resposta". Tamén lembran que "os pedidos de extradición non foron respondidos". E van máis aló: "Para agravar a situación, a Fiscalía Xeral de Estado instruíu aos fiscais para que os xulgados de provincias abandonasen a colaboración coa querela arxentina. Estas demoras fixeron que ao longo destes anos de investigación no noso país varios imputados falecesen".

As foxas e o Valle de los Caídos

Arxentina é considerada un exemplo mundial na recuperación da memoria histórica e a reivindicación dos dereitos das vítimas da ditadura militar que arrasou o país de 1976 a 1983. Os xuízos ás Xuntas Militares que condenaron á cabeza do réxime tras a recuperación da democracia foron embazadas polas posteriores leis de Punto Final e Obediencia Debida, ademais dos indultos do goberno de Carlos Menem. Con todo, desde 2005 o país embarcouse nun proceso de reapertura das causas xudiciais, que supuxo a derrogación desas leis exculpatorias e tamén dos indultos.

Xulgáronse varios centos de crimes de lesa humanidade. Ata o 31 de decembro de 2017 ditáronse 201 sentenzas, nas que se condenou a 864 persoas por delitos de lesa humanidade e absolveuse a 109. O último gran xuízo condenou aos pilotos dos "voos da morte", nos que os militares guindaban ás súas vítimas sedadas ao río da Prata. Ese mesmo río ao que Mariano Rajoy lanzou este mércores flores brancas en recordo por esas persoas asasinadas.  

En 2017 a ONU lembrou a España que "o Estado debe atender de forma urxente os reclamos das vítimas da guerra civil e do franquismo"

En maio do 2017, Pablo de Greiff, Relator Especial de Nacións Unidas sobre a promoción da Verdade, a Xustiza, a Reparación e as Garantías de Non Repetición, pronunciouse lembrándolle a España que "o Estado debe atender de forma urxente os reclamos das vítimas da guerra civil e do franquismo". O relator sinalou como prioridade as exhumacións, o Valle de los Caídos e a nulidade das sentenzas arbitrarias adoptadas durante a Guerra Civil e o franquismo.

O Valle de los Caídos, onde se rende honra a Francisco Franco e onde permanecen sepultos centos de restos de represaliados sen identificar e en pésimas condicións, funciona na práctica como un monumento ao franquismo. Aínda que houbo varios proxectos para reconvertelo nun centro de memoria histórica, a realidade é que esta construción que pertence a Patrimonio Nacional depende en gran parte da autoridade da basílica que funciona no complexo, ao momento que  o prior se negou expresamente ás exhumacións.

Na Arxentina, un dos principais centros ilegais de detención da ditadura, a Escola de Mecánica da Armada, foi tornada nun "espazo de memoria" no que se explican os crimes cometidos polo goberno militar e infórmase sobre os procesos xudiciais. Alí tamén se recollen testemuños dos sobreviventes e organízanse visitas especiais nas que persoas que estiveron confinadas alí contan a súa experiencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.