Os dous ex-directivos das caixas condenados a devolver 10 millóns "enganaron" para cobrar "en plena crise"

Feijóo celebra a fusión de Caixa Galicia e Caixanova cos directivos en maio de 2010. Entre eles, Pego (primeiro pola dereita) © Xunta

Un engano para estafar as arcas das antigas grandes caixas galegas cando xa estaban a ser rescatadas da quebra con diñeiro público. É o retrato que volve trazar o Tribunal Supremo na sentenza que, ditada o pasado 9 de abril e coñecida este luns, condena os ex-directivos de Novacaixagalicia José Luis Pego e Gregorio Gorriarán a devolveren 10 millóns de euros das indemnizacións que se adxudicaron a si mesmos nos anos en que a entidade herdeira de Caixa Galicia e Caixavigo recibían máis de 9.000 millóns de euros públicos para non colapsar.

O ditame xudicial derivado dos recursos formulados polos ex-directivos corrixe a asignación de responsabilidade civil solidaria da anterior sentenza -dela queda exonerado Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das dúas caixas indemnizado con 700.000 euros, segundo constou no procedmento- pero mantén o esencial do caso que en 2017 deu lugar á icónica imaxe da entrada en prisión dos antigos señores das caixas acusados por Anticorrupción encabezados por Julio Fernández Gayoso, que non cobrou por estes conceptos pero foi considerado responsable directo de todo o acontecido. Os condenados "elaboraron uns contratos de alta dirección blindados para unhas prexubilación de altísimas remuneracións en plena crise bancaria", resume a Sala.

A sentenza do Supremo destaca que, "mediante engano", lograron prexubilacións millonarias nunha caixa quebrada "cando xa levabamos tres anos achegando cartos públicos ás entidades bancarias en crise"

O propio tribunal lembra que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), entidade pública encargada do rescate financeiro, "tivo que inxectar unha suma de máis de 9.000 millóns para reflotar as caixas, unificalas e bancarizalas" dando lugar a Novagalicia Blanco mentres "os acusados, a través dos novos contratos" e sabendo "que ían ser cesados nos seus postos" en canto fose "constituído o novo banco", lograron "que, mediante engano, se lles aprobasen uns contratos de prexubilación cuxa suma supuxo" para NCG Banco "unhas cantidades a devolver, cando menos, duns 12 millóns de euros" a repartir entre catro ex-directivos. Ese diñeiro foi cobrado "en 2011, isto é, cando xa levabamos tres anos achegando cartos públicos ás entidades bancarias en crise", resaltan os maxistrados.

A Sala do Penal do Supremo responde aos recursos dos acusados que os seus contratos foron "claramente fraudulentos", un "engano" ao resto do consello de administración de Novacaixagalicia que encaixa de xeito "patente" nun "delito de estafa" e "non de apropiación indebida", como foi valorado anteriormente no procedemento. Pego, Gorriarán e o resto de condenados cometeron "uns feitos delitivos" que foron "claros" ao "apropiárense de parte do patrimonio dunhas entidades financeiras" que, como xa sentenciara o Supremo, estaban "en situación de práctica quebra".

O tribunal non acepta que os acusados aleguen "descoñecer" as razóns xurídicas que os "obrigan a responder do diñeiro do que se apropiaron procedente dos recortes públicos sufridos pola maioría de cidadáns"

Foi "precisamente no período no que estiveron baixo a súa alta dirección" cando estas entidades "sobreviviron mercé á inxección de diñeiro público achegado polo sacrificio económico da cidadanía". É por iso que o Supremo non ve "razoable" nin "xuridicamente rigoroso" que "quen se apropiaron dese diñeiro público" tenten agora esquivar as súas condenas alegando "unha vez que a súa conduta é declarada delitiva" que "ignoraban as razóns xurídicas en virtude das que se fundamentaba" a "nulidade" destes contratos e as responsabilidades que traía consigo a súa obvia "conduta delitiva". Tampouco acepta o tribunal que "aleguen agora indefensión" por "descoñeceren os fundamentos xurídicos que os obrigaban a responder do diñeiro do que se apropiaron procedente dos recortes públicos sufridos pola maioría de cidadáns".

Os cartos serán ingresados no FROB, o ente público que canalizou o rescate

É así como o Supremo dita unha sentenza contra a que non cabe recurso e na que se certifica que José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada procedente de Caixavigo, ten que devolver 6.476.237 euros. Gorriarán, responsable da división inmobiliaria da entidade, pola súa banda, ten que retornar 3.969.349,31 euros. Ambas cantidades corresponden ás melloras que, segundo foi avaliado durante o proceso xudicial, experimentaron as súas prexubilacións grazas a esta fraude. A sentenza conclúe que este diñeiro ten que ser ingresado "á entidade sucesora nos dereitos e obrigas de Novacaixagalicia" e remite á execución da sentenza a posibilidade de que o diñeiro vaia ao FROB. Ese ingreso na entidade pública será o que finalmente se produza, segundo aclaran fontes de Abanca, entidade herdeira das antigas caixas tras a compra de Novagalicia por parte do venezolano Banesco.

Estas condenas e devolucións chegan despois da devandita entrada en prisión dos ex-directivos e tamén tras a condena nun xulgado coruñés a un dos ex-directivos que logrou a absolución neste procedemento, Javier García de Paredes, procedente de Caixa Galicia e quen tivo que facer fronte a unha devolución de 5,5 millóns de euros. Ningún destes dous procedementos atinxiu a José Luis Méndez, o que fora director xeral de Caixa Galicia e que marchou xusto antes da fusión. Non obstante, dende o pasado xaneiro Méndez é investigado na Audiencia Nacional por unha ruinosa operación inmobiliaria da entidade que encabezaba en Roquetas de Mar (Almería).

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB
As contías das prexubilacións, detalladas na sentenza condenatoria de 2015 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.