0 Gardados para despois

ApU e Máis Galiza pactan a dirección local e comarcal do BNG vigués

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non todo é conflito. Mentres a tensión derivada da marcha do Encontro Irmandiño segue a estar moi presente no entorno do BNG, as dúas grandes correntes da formación frontista veñen de chegar a un acordo en Vigo dentro da fase final do proceso da XIII Asemblea Nacional, isto é, a renovación dos órganos comarcais e locais. Segundo puido saber Praza Pública de fontes do Bloque vigués, a Alternativa pola Unidade (ApU) e Máis Galiza optaron por continuar a "tradición unitaria" da fronte e acadaron un "acordo de listas e responsabilidades" na localidade e na comarca.

Mentres o conxunto de Máis Galiza agarda decidir o seu rumbo futuro, xa constituída en partido, fontes da negociación ven o pacto como "algo excepcional na dinámica nacional", que dará lugar a un Consello Comarcal con 11 membros da ApU, outros 11 de +G e 3 do Movemento Galego ao Socialismo. Mentres, a Executiva Comarcal quedaría conformada por 5 representantes da ApU, o mesmo número de membros de +G e un do MGS.

Unha vez pechado o pacto, que incluiría, atendendo ás mesmas fontes, a responsabilidade sobre a área de barrios e parroquias para a ApU e a de organización na comarca para +G, no BNG de Vigo observan o logrado como o resultado "dun esforzo de ambas partes para manter o traballo político" conxunto e "a defensa dos programas municipal e político xeral".

Responsabilidades na Executiva "por imperativo estatutario"

Mentres isto acontecía en Vigo, a dirección nacional de Máis Galiza explicaba nos últimos días as razóns que levaron aos membros da corrente a asumir responsabilidades na Executiva do Bloque antes da Asemblea na que determinarán se permanecen ou non na formación que encabeza Guillerme Vázquez.

Dende +G sinalan que, "a pesar das ofertas da ApU", rexeitaron "ter postos de relevancia" e "optaron por levar responsabilidades de baixo perfil político" como a secretaría de Economía e Emprego, que asumiu Carlos Aymerich. Esta asunción de responsabilidades fíxose "por imperativo estatutario", explican, e á espera da súa Asemblea Nacional, o 11 de marzo.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Novos órganos comarcais co 93,7% dos votos

O consenso que, tal e como adiantou Praza Pública, se produciu en Vigo, tivo a súa réplica en Santiago, aínda que con outros protagonistas. O BNG compostelán tamén renovou os seus postos de dirección co 93,7% de apoio dos 206 asistentes á asemblea á candidatura definida como "unitaria"e integrada por membros da Alternativa pola Unidade e do Movemento Galego ao socialismo . O responsable comarcal seguirá a ser Xabier Ignacio Louzao e a vicerresponsable, Almudena Taboada, actual titular da responsabilidade comarcal do Bloque en Teo.

Segundo manifestaron algúns dos asistentes á asemblea, durante o debate, que a propia organización salienta que se celebrou "nun clima tranquilo", se produciu "autocrítica" a respecto de diversos aspectos da actuación política da formación. O Bloque compostelán salienta que "de aquí en diante" a nova dirección "porá en marcha a tese política que decidiu a organización na pasada Asemblea Nacional co apoio de preto do 70% da militancia traballando sempre na defensa dun novo modelo económico que mellore a calidade de vida dos cidadáns e actúe na sociedade como a única alternativa real ás políticas regresivas do PP"

Con todo, militantes do Bloque compostelán engaden que o carácter "unitario" da candidatura aprobada non implica que nela se integrasen representantes de todas as correntes, dado que os membros de Máis Galiza na comarca, así como os do Encontro Irmandiño que aínda non tramitaron a súa baixa, "decidiron non presentar lista".

 

UPG e MGS conforman o novo Consello Local

A asemblea local do BNG de Lugo elixiu onte o seu novo Consello Local, ao que concorreron dúas candidaturas, a da plataforma Alternativa pola Unidade, auspiciada pola UPG, e a Candidatura de Esquerda Independentista, apoiada no Movemento Galego ao Socialismo.

Os votos da militancia luguesa do Bloque configuraron un Consello no que 12 dos seus 15 membros saen da lista da ApU e, os tres restantes, da elaborada polo MGS.