A Xunta evita cuestionar os títulos nobiliarios do franquismo e insta a "respectar a historia, a España e as tradicións"

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

O pasado marzo Carmen Martínez-Bordiú, neta de Francisco Franco, puxo en marcha o procedemento burocrático para herdar de balde o ducado de Franco que o rei Juan Carlos I concedeu á súa nai e única filla do ditador, a falecida Carmen Franco, unha semana despois da morte do xeneral golpista. Ao fío deste trámite -sen custo económico para Martínez-Bordiú en virtude da orde de concesión, nunha derrogada- e do proceso para tentar recuperar o pazo de Meirás o deputado Luís Bará (BNG) instou a Xunta a posicionarse ao respecto. Fíxoo a través dunha pregunta parlamentaria na que cuestionaba o Goberno sobre a súa opinión a respecto dos títulos nobiliarios franquistas e sobre se valoraba dirixirse ao Goberno de España para animalo a "anulalos". A resposta do Executivo foi instalo a "respectar a historia, a España e as tradicións".

A encargada de responder a pregunta do parlamentario do Bloque foi Blanca García-Señoráns, directora xeral de Relacións Institucionais. Alén de lembrar que a Xunta non ten competencias nesta materia a alto cargo instou a Bará a ter en conta que os títulos nobiliarios "non teñen ningún valor" na actualidade, pero "se axustan á legalidade" instituída coa Constitución de 1978. Iso, dixo García-Señoráns, "concédelles, dalgunha maneira, lexitimidade democrática". "Os títulos nobiliarios -debullou- teñen un significado simbólico, un carácter meramente honorífico e van ligados a unha historia común e plural" sen que exista "recoñecemento dun estatus específico" ou contraprestacións económicas.

O BNG cuestionaba a alto cargo pola súa opinión sobre títulos como o ducado de Franco: "Imaxinen un marquesado de Hitler ou un condado do 23-F para Tejero, estamos falando de algo parecido"

Por todo isto, advertiu a Bará, "lle recomendo respectar a historia plural e común, respectar a España e as tradicións e a todas as persoas que fixeron que chegásemos ata aquí". "Moitas" das persoas con títulos nobiliarios "foron galegos que traballaron para servir a España na época na que lles tocou vivir" e iso, resalta, debera ser un motivo de "orgullo".

Para o deputado do Bloque resulta "preocupante" a apelación da alto cargo a unha "historia común e plural" se esta "honra o ducado de Franco ou o señoría de Meirás". "O PP quere construír a historia común con ese legado", pero o Bloque "non participa e loitará por rematar con esa vergoña". "Imaxinen un ducado de Mussolini ou un marquesado de Hitler" ou, convidou, "imaxinen que se concedese agora o condado do 23F a Tejero" ou "un marquesado do Ibex 35 para Rodrigo Rato". "Estamos falando de cousas parecidas" ao rexeitar estas distincións da ditadura, comparou.

A responsable de Relacións Institucionais desdeña, en calquera caso, a iniciativa do nacionalista. "O seu partido non ten representación no Congreso nin no Seando" e por iso "traen este tipo de iniciativas" que ademais, teoriza, apenas suscitan interese na cidadanía. "Podemos facer unha enquisa e preguntar na rúa" ao respecto, convidou. En calquera caso, advirte, Bará non debe "pretender a través desta proposta deslexitimar a democrcia ou a monarquía" nun contexto no que o Gobenro galego estará "sempre do lado da Constitución, recoñecendo unha historia común e plural e rexeitando o franquismo", rexeitamento que, insta a lembrar, xa manifestaron noutras ocasións a Xunta e o propio PP.

García-Señoráns, durante o seu debate con Bará CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.