Recorte do Parlamento: vale por unha exposición no Gaiás

Feijóo, na inauguración de 'Gallecia petrea' © Conchi Paz

"Ese é un debate pouco relevante; eu non vou dar unha cifra". O pasado venres o voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, respondía deste xeito ao ser cuestionado polo aforro que suporá o recorte de 14 escanos que os conservadores se dispoñen a aplicar, nunha operación que incrementará aínda máis a sobrerrepresentación das provincias interiores e porá aínda máis difícil a chegada á Cámara de forzas minoritarias. Malia á resistencia a falar de números, como vén informando Praza Pública o impacto económico do recorte situaríase no entorno do millón de euros, cifra que os populares remataron por recoñecer o pasado sábado, se ben enunciándoa para toda unha lexislatura, falado así de "case seis millóns -algo máis de un ano ano-". Sen saír do Parlamento lograríase un aforro idéntico metendo a tesoira nun 20% das nóminas dos deputados e deputadas no canto de facelo no número de representantes da soberanía popular pero unha ollada ao conxunto dos gastos públicos que saen dos Orzamentos da Xunta permiten observar, se cadra con maior precisión, a dimensión do recorte e algunhas das súas posibles alternativas.

Sen remontarse moito na hemeroteca un dos gastos máis semellantes á cifra que se pretende aforrar con este controvertido movemento parlamentario é posible atopalo na Cidade da Cultura, nomeadamente, no seu museo. Dende o pasado xuño o meirande edificio do Gaiás acolle a exposición temporal Gallaecia Pétrea, que percorre a historia do país a través da pedra. Como avanzou este diario o custo total desa mostra é de 1,5 millóns de euros, isto é, aínda un chisco máis do que se pretende aforrar en parlamentarios. Desa cifra total 800.000 euros corresponden ao orzamento para produción, montaxe e desmontaxe, entre os que se inclúen, entre outras pezas, unha mesa de máis de 20.000 euros, varios cubos de pedra de entre 10.000 e 20.000 euros ou tarimas de 6.000 euros a unidade.

Industria, Sanidade e Facenda gastaron en publicidade cantidades semellantes ás que se pretende aforrar co recorte de escanos

Outro dos caixóns das contas públicas nos que se atopan cantidades semellantes á da tesoirada parlamentaria é a de publicidade e propaganda, mesmo sen saír do ano 2012 e, máis aínda, sen abandonar o mes de xullo que está a piques de rematar. Así, por exemplo, a Consellería de Industria disponse a contratar por case un millón de euros a campaña Galicia Competitiva, coa que, segundo o prego de condicións que a rexe, a Xunta pretende insuflar "optimismo" nas empresas e na sociedad en xeral ante a crise. Aínda máis avultado foi o orzamento que nestes días se atopa na súa etapa final, a da publicación nos medios. Neste caso está impulsada pola Consellería de Sanidade e aborda, en xeral, as bondades dos medicamentos xenéricos e a súa relación coa posibilidade de construír hospitais. Esta acción propagandística supuxo 1,2 millóns de euros e o Goberno defendeu a súa posta en marcha porque "informa". O mesmo departamento gobernamental gastou en 2010 outros 1,2 millóns en publicitar a "modernización da sanidade pública en Galicia".

A casualidade quere haxa, cando menos, outras dúas decisións de gasto en propaganda que suman unha cantidade semellante á do recorte de deputados. Proceden precisamente da consellería encargada de xesitonar as contas públicas, a de Facenda. O departamento dirixido agora por Elena Muñoz e antes por Marta Fernández Currás rematou 2011 publicando nos medios a campaña Cada euro conta, que propugnaba os valores da "austeridade" e da "solidariedade" co erario a través do gasto de 400.000 euros. Pouco meses despois, en febreiro, o mesmo departamento contraba unha "acción divulgativa contra a fraude fiscal" e a prol da "solidariedade contributiva de todos os galegos" mediante "a inserción de anuncios publicitarios ou informativos de interese público". Neste caso, o importe superaba os 800.000 euros. Polo tanto, a suma deriva, de novo, en 1,2 millóns.

Á marxe da publicidade outra ollada ás decisións gobernamentais recentes aínda ofrece algúns exemplos máis de gasto equivalente aos cartos que a Xunta busca agora no peto parlamentario. Así, por exemplo, o pasado abril a Consellería de Educación reservou 2 millóns de euros para a xestión privada de cursos de idiomas para escolares, exactamente a mesma cantidade que destinara ao principio da lexislatura a cambiar libros escolares redactados en galego pola súa versión en castelán para así aplicar o denominado decreto do plurilingüismo. Volvendo de novo a Industria, unha cantidade semellante ao aforro parlamentario está na orde de axudas para entidades mineiras "sen ánimo de lucro", fortemente contestada polos colectivos ecoloxistas e cun montante de 800.000 euros. Esta cantidade unida, por exemplo, aos 400.000 euros públicos que leva recibido a Fundación Cela para ser rescatada da creba económica suman, de novo, 1,2 millóns de euros.

Feijóo, na inauguración de 'Gallecia petrea' © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.