Fernán-Vello: "Confío na capacidade de En Marea para resolver os problemas e ser alternativa ás políticas do PP"

Fernán-Vello, nun pleno do Congreso CC-BY-SA En Marea

O escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello (Cospeito, 1958) deu en 2015 por primeira vez o salto á política institucional como cabeza de lista de En Marea por Lugo ao Congreso. Dende comezos de ano combina ese papel co de voceiro de quenda da formación dentro do grupo de Unidos Podemos no que se integra. Fernán-Vello lamenta que, en ocasións, os avatares internos da organización teñan maior difusión que o traballo, "ás veces invisíbel", en ámbitos como o parlamentario, xa sexa "presentando case 350 emendas" aos Orzamentos Xerais do Estado, que veñen de iniciar trámite ou, no plano máis concreto, logrando fondos para "unha rotonda na nacional VI" que veciñanza dun barrio lucense reclama dende hai anos. Iso, afirma, é máis relevante que asuntos internos máis propios "de programas rosas", ironiza.

Leva vostede algo máis dun trimestre como voceiro de quenda de En Marea no Congreso, que balance fai deste período?

Moi positivo, porque ser voceiro de En Marea no Congreso é unha vía de aprendizaxe moi intensa no traballo político, unha amplificación do traballo de deputado que enriquece. Eu sempre entendín o labor parlamentario como ser emisario dos problemas da cidadanía, como elemento de conexión entre a xente e a instancia parlamentaria, neste caso do Congreso. Nesa dimensión o voceiro exerce, se cabe, con maior intensidade.

Un dos retos que vostedes se marcaron dende o inicio da lexislatura foi inserir a axenda galega no grupo no que se integran e no marco xeral, especialmente despois de non lograren constituír grupo propio. Cre que o están conseguindo?

"Aínda que no plano legal non sexamos un grupo, de facto actuamos como tal"

Aínda que no plano legal non somos un grupo dentro do Congreso, de facto actuamos como tal. Claro que a axenda galega está presente no traballo que realizamos, aínda que ás veces semelle invisíbel. Tamén porque non sempre os medios de comunicación galegos reflicten o traballo realizado e ás veces un se atopa coa ironía de que certas iniciativas teñen máis eco na prensa andaluza ou catalá que neses medios en Galicia, o cal tamén é unha eiva a respecto dun traballo no Congreso que moitas veces é transcendente... E ás veces déixache un sabor amargo non teña espazo. 

Cre que o ruído interno de En Marea pode contribuír a solapar ese traballo concreto? Máis alá do reflexo que teña nos medios...

Si, tal vez. O ruído interno dáse en moitas organización, tamén en En Marea, e é comprensible que cree certo morbo no ámbito informativo sobre problemas ou liortas. Todo conflito tende a ter ese carácter e ese interese. Cando acontece no plano político dende as organizacións non se debe alimentar esa liña de sensacionalismo, mesmo ás veces marcada por medios que pretenden ditar o camiño a seguir. Eses conflitos deben resolverse no seo das organizacións; e non hai ningún partido nin organización política allea a conflitos internos. Eu teño moi clara a miña posición: non incidir no plano persoal neses problemas e que sexan resoltos no seo da organización.

"Teño moi clara a miña posición: non incidir no plano persoal dos problemas e que estes sexan resoltos no seo da organización"

Na contorna de En Marea dende o inicio, tamén polo xeito en que irrompeu no panorama político, xurdiu dende moi cedo o temor ao risco de decepción. Como xestionan ese xogo de expectativas?

A irrupción no ano 2015 desa alianza que foi En Marea atinxiu máis de 410.000 votos, nunca na historia de Galicia unha organización deste teor tivera un resultado semellante. Cúmprense as expectativas? Esa ilusión mantense? A política ten altos e baixos e a relación coa cidadanía non é lineal; En Marea, que xerou esa gran ilusión, penso que mantén na súa marca profunda esa capacidade de ser alternativa artellada coa amplitude e mestizaxe das distintas forzas de esquerda que asinaron o pacto de Mazarelos baseado no carácter nacional de Galicia. Como dicía Manuel María referíndose á poesía, e tamén é un vello axioma marxista, que se desenvolve en forma de espiral. Non é unha liña fixa. E isto tamén; hai unha relación coa realidade e os seus problemas que fai que a organización teña que ser flexíbel e adaptarse. Como moitas organizacións frontistas e de unidade popular que tardaron en cristalizar, En Marea é unha forza moi nova, en crecemento, un neno que acaba de abrir os ollos e presenta problemas diversos na realidade política. É un proceso e o propio tempo e a realidade galega debe exercer a función de pediatra para resolver os problemas organizativos e políticos que poidan producirse. Eu teño confianza neste instrumento colectivo, que demostrou capacidade de ser alternativa nun país que ten que, si ou si, dar unha resposta política aos seus problemas. Porque se non reacciona para poñer fin ás políticas do PP, o futuro é moi negro.

Veñen de presentar as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado. No caso galego, o investimento previsto muda de escenario coa fin das grandes partidas do AVE; tamén deben mudar as achegas da oposición? Pasará moito tempo antes de volver falar de miles de millóns...

As partidas do AVE ocupan case o 50% e vimos dunha caída de case un 33% entre 2016 e 2017. Isto mostra a parálise, seguir fixados no esquema político do recorte de 2012 e nese sentido a nosa posición é frontal de oposición a uns orzamentos lesivos para o noso país.

"É un atraso que A Coruña e Vigo sexan as únicas cidades portuarias sen trens de proximidade sendo portos de primeira magnitude"

Ao falar dos Orzamentos do Estado falamos fundamentalmente de infraestruturas. Levan demasiado o tempo os focos situados no AVE e lonxe de obras máis pequenas economicamente, pero moi demandadas?  

As partidas máis pequenas no ámbito local son fundamentais. Por exemplo, no caso do mantemento das estradas. Pero tamén hai elementos máis amplos, proxectos 'macro' que inciden nun conxunto de poboacións do territorio. Vexamos o caso, por exemplo, dos trens de proximidade entre A Coruña e Ferrol ou entre Vigo e Pontevedra que non se contemplan nestes Orzamentos. A Coruña e Vigo son as únicas cidades portuarias do Estado sen trens de cercanías, sendo portos de primeira magnitude, o que é un atraso despois de tantos anos. 

Ligada tamén ás infraestruturas está tamén a cuestión da AP-9. Teñen esperanza de que a proposta poida ter un novo percorrido despois da sentenza do Constitucional que invalida o veto do Goberno central? O asunto queda, en boa medida, nas mans de Ciudadanos...

"A sentenza do Constitucional deixa nu o Goberno; confiamos en que Ciudadanos actúe en consecuencia e deixe de funcionar como muleta do PP nisto"

A sentenza do Constitucional deixa nu ao Goberno e á Mesa do Congreso. Ciudadanos funciona como muleta do PP, un partido-eslogan que funciona segundo o vento que máis o poida favorecer en cada momento, con contradicións graves na súa liña de actuación política. Neste caso nós pedímoslle que actúe en consecuencia; hai unha sentenza do Constitucional. O bloqueo de proposicións de lei dos últimos meses non ten parangón na historia, é unha vía de liquidar a acción da oposición que non se pode admitir  nun Estado democrático. Confiamos en que Ciudadanos actúe en consecuencia e deixe de apoiar o PP nisto.

Cre que, se isto non sucede a respecto da lei da AP-9 e doutras, o bloqueo torne esta lexislatura estatal nunha lexislatura baleira aínda que haxa maiorías para sacar adiante propostas? 

Produciuse máis bloqueo de iniciativas que nos últimos 40 anos.

A cidadanía pode preguntarse para que serve outra maioría se a LOMCE segue en pé, a 'lei mordaza' segue en pé...

Ou a reforma laboral. Nós, ademais de dar os pasos que dita o sentido común no sentido de defender que esas leis entren a debate, imos utilizar todas as vías posibles. O Constitucional xa se pronunciou e iso é unha derrota do Executivo. Temos que usar todas as vías dispoñibles no plano democrático para que a parálise non se cronifique, porque non é admisíbel nun Estado democrático este veto continuo.

"É o momento da esperanza para que a verdade sobre o accidente de Angrois se abra paso"

O que si se activou, aínda que despois de moito tempo, é a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. Cren que servirá para deitar luz na parte política do sucedido, como reivindican as vítimas dende 2013?

En Marea neste caso sempre actuou como emisaria das vítimas e sempre de xeito paralelo ás súas reivindicacións. Unha vez que se conseguiu a creación da comisión xa é un éxito político; coido que En Marea foi fundamental en momentos nos que o PSOE non quería saber nada do tema. Nós seguimos traballando, falando cos demais grupos para conseguir que se crease e, unha vez creada, ábrense moitas posibilidades. Hai que dar explicacións, analizar o que aconteceu en Angrois. É un momento de esperanza para que a verdade se abra paso e nós imos traballar a fondo, tanto a deputada Alexandra Fernández, que sempre levou este tema, como Antón Gómez-Reino, que tamén forma parte da comisión. Porque é de xustiza.

Miguel Anxo Fernán-Vello Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.