Gonzalo Caballero advirte de que nos concellos "o cambio chega pola esquerda", non "polo recambio da dereita"

Gonzalo Caballero e dirixentes locais, nas xornadas sobre política municipal do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

As eleccións municipais de maio de 2019 serán as primeiras que o PSdeG afronte con Gonzalo Caballero na secretaría xeral. Aínda que na contorna do novo responsable socialista non se considera que estes comicios vaian ser unha proba definitiva para o seu liderado, tampouco se oculta que o mantemento ou ampliación do poder local si resultaría un impulso á nova xeira da formación. A dirección do partido observa o PP enfraquecido e ás mareas municipais acusando o desgaste nos concellos onde gobernan, pero os movementos demoscópicos lévana tamén a ollar cara a posibilidade de que Ciudadanos poida completar maiorías pola banda dereita. 

Este é o pano de fondo co que Caballero interveu ante diversos cargos municipais socialistas no marco da xornada Gobernos locais ao servizo da cidadanía xunto a diversos representantes municipais do PSdeG como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ademais da responsable municipal da Executiva federal do PSOE, Susana Sumelzo. A veciñanza dos diversos concellos "sabe que onde gobernamos hai garantía de cambio e progreso", afirma Caballero e en Galicia a seguinte "oportunidade de progreso" vaise producir "a partir das eleccións municipais".

"O único cambio chega pola esquerda que representa o PSdeG", di o secretario xeral do PSdeG e non pola banda "dos recambios pola dereita da dereita", isto é, pola vía de que Ciudadanos cubra o espazo electoral que o PP poida seguir perdendo. Neste sentido, afirma, o partido que encabeza non debe ter "medo" a "contrastar o noso traballo co doutras organizacións políticas" para "construír unha maioría social de progreso" que permita "retirar" do poder "á dereita máis corrupta". O "retroceso como non se lembra que está a experimentar o PP" non pode ser cuberto con "operacións de márketing con pouco contido".

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo: "Somos a única esquerda útil, con capacidade de goberno e alternativa ao PP"

Dende o punto de vista de Caballero, na recta final dos mandatos municipais xa é posible afirmar que "tampouco as forzas emerxentes acadaron os resultados que a cidadanía quere", polo que neste punto os socialistas deben aspirar a ser a "primeira forza" nas municipais". Para facelo, asegura, o PSdeG vai seguir a "abrirse á sociedade" para tentar "incorporar a todos os progresistas na casa común da esquerda, qeu foi e ten que seguir sendo" un Partido Socialista que no ámbito municipal ten "un plus de conexión" coa veciñanza, afirma.

Un dos lugares onde o PSdeG aspirará a reter o bastón de mando será Lugo, onde previsiblemente a actual rexedora, Lara Méndez, encabezará a candidatura por primeira vez. Segundo a alcaldesa lucense o PSdeG debe amosarse ante a cidadanía como "a única esquerda útil, con capacidade de goberno, a única alternativa ao PP" que dende os concellos poida aspirar a gobernar Galicia. As remudas nos gobernos galego e central, advirte, serán en última instancia a única posibilidade de "paliar as políticas que tanto fan ao municipalismo", como as restricións para contratar persoal ou os estritos límites financeiros dos últimos anos.

Intervención de Caballero na xornada sobre política municipal do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.